A Lama, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas compartirán un novo pediatra
Por Redacción
O goberno galego incluirá unha praza de pediatría compartida que dará servizo ao centro de saúde da Lama e os de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.
Así o anunciaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores, no transcurso da visita que realizaron este mércores ao centro de saúde do Concello da Lama.
Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada a finais de febreiro polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia.
Estas medidas permiten a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.
Dita lei ampliou a experiencia exitosa do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Deles, 21 incorporáronse en centros da área sanitaria de Pontevedra e Salnés.
O delegado territorial manifestou que "dende Galicia estamos a actuar co máximo inxenio e esforzo, tanto normativo como económico, para ser a primeira comunidade que adopta e consegue solucións fronte a falla de médicos de Atención Primeira e de pediatras que afecta a toda España".
"E dende o Sergas estamos a conseguilo paseniñamente con diversas medidas, entre as que figuran os novidosos concursos de méritos e outras que estamos a negociar cos profesionais, porque para a Xunta o máis importante é darlle a cobertura sanitaria axeitada aos galegos", engadiu o delegado territorial.
Así, destacou que "cada vez hai máis prazas de médicos cubertas, en contraposición co que pasa no resto de comunidades, e non imos parar ata fortalecer ao máximo a Atención Primaria para ser a primeira rexión de España que supera esta difícil situación".
Relacionadas:
-
O martes 12 incorpórase a nova pediatra ao centro de saúde de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O Sergas ultima o servizo de pediatría en Cerdedo-Cotobade, con consulta dúas tardes á semana
Por Redacción |
-
Denuncian que a "precariedade" do servizo de Pediatría en Cerdedo, Forcarei e Tenorio "agravouse" nas últimas semanas
Por Redacción |
-
COVSA executará o ensanche e mellora dun vial en Vilanova de Tenorio
Por Redacción |
-
O futuro aparcamento do Gran Montecelo terá 900 prazas e prezos "moi competitivos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A baixa dos dous pediatras do Centro de Saúde de Bueu provoca unha reorganización das consultas
Por Redacción |
-
A xerente do Sergas reúnese con profesionais da Atención Primaria para mellorar a situación sanitaria en Vilaboa
Por Alba Feijoo Alonso |