O "ollo de Sauron" cumpre dez anos vixiando Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
- Obsérvanse retencións na Avenida de Bos Aires
- Si, as imaxes mostran que Padre Amoedo se está a encher
- O indicador do aparcadoiro de Barcelos marca que están dispoñibles 875 das 910 prazas
- Procedo a cambiar a frecuencia do ciclo dos semáforos da rotonda da Ponte de Santiago
- Que unha patrulla active un desvío puntual na Ponte dos Tirantes
Entramos no CETRA. A sala de pantallas dende onde a Policía Local controla o tráfico da cidade. ÿ 30 de decembro un día marcado en vermello, claro, hoxe están de aniversario.
-Non home, é que hoxe é un día complicado no Plan de Tráfico especial de Nadal.
Parece entón que só o xornalista se acorda de que hoxe se cumpren dez anos dende que comezaron a funcionar en Pontevedra as primeiras 19 cámaras de tráfico. "Agora son un total de 24 dispositivos", infórmanos Manuel Omil. El é o voceiro da Policía Local e será o noso anfitrión durante a visita.
Omil explícanos como este sistema de control converteuse nunha "ferramenta indispensable" para loitar contra os embotellamentos, e en definitiva, para "dar maior seguridade ao tráfico" da cidade do Lérez.
En O Señor dos Aneis o escritor británico J. R.R. Tolkien describiu a Sauron, un ollo insomne que controlaba a Terra Media dende a Torre de Barad-dur. Se mo permiten, a central de tráfico pontevedresa recórdame a aquel poderoso personaxe.
Aos ollos dos axentes municipais a cidade debúxase con tres "aneis" (ejem) concéntricos sendo o máis pequeno o que rodea a zona urbana e o máis afastado o que conforma a autoestrada.
Coma se se tratase dun taboleiro de xadrez as 24 cámaras están situadas en posicións estratéxicas dende as que non só se controlan estas arterias principais senón tamén aquelas outras travesías que por alí conflúen. Todo o tempo, as 24 horas do día, os 365 días do ano.
As 24 cámaras están situadas en posicións estratéxicas
Esta visión de taboleiro permite aos axentes da central facilitar a mellor información aos seus compañeiros a pé de rúa. Dirixirse sen demora á causa dun atoamento que pode ser un accidente, un coche en dobre fila, ou unhas obras.
Mentres Omil teclea nun ordenador cheo de iconas sobre o mapa de Pontevedra. Capta a nosa atención unha das pantallas na que vemos como un vehículo está a un pouco de levarse por diante unha nena tras subir coas catro rodas enriba da beirarrúa. O condutor sae sen inmutarse e entra nun establecemento a poucos metros.
Imaxinámonos que este cidadán está convencido de que só a nena reparou na súa tola manobra pero as cámaras gravaron a súa fazaña e agora un dos axentes está a facer zoom sobre a matrícula mentres avisa un compañeiro para que proceda a sancionar o infractor.
"Consideramos que a sanción debe ter un efecto reeducador"
Ademais o axente da central acaba de entrar na base de datos da DXT e xa sabe quen é o titular do vehículo, se dispón do seguro obrigatorio ou se este ten o carné en regra.
Aínda que a multa podería tramitarse dende a propia central, Manuel Omil insístenos en que o número de denuncias que se impoñen utilizando as cámaras é case anecdótico "consideramos que a sanción debe ter un efecto reeducador".
Así que xa saben, unha dobre fila, un aparcadoiro enriba da beirarrúa, eses 'só cinco minutiños' que deixamos o coche sobre o paso de peóns ou diante dun garaxe, todo iso, foi gravado e é susceptible de recibir unha sanción, aínda que non haxa ningún poli preto e creamos que ninguén nos está a ver.
O programa informático Optimus que confire aos axentes control total sobre a rede de semáforos
Volvemos á explicación e Manuel Omil indícanos que as cámaras se complementan co programa informático Optimus que confire aos axentes control total sobre a rede de semáforos da cidade a través dunha quilométrica rede subterránea de fibra óptica. "Segundo a intensidade do tráfico que se perciba en cada punto, dáselle máis tempo verde a un semáforo ou outro. Iso dános o perfil de como se comporta o tráfico", é dicir, horas punta, horas val, a estacionalidade, verán-inverno, afirma Omil.
Segundo isto, no mesmo día varía a duración dun mesmo semáforo. Manuel Omil diferencia as distintas puntas que xorden ao longo dun día: "As primeiras horas da mañá son intensas fronte ao mediodía, igualmente cambia se o día é lectivo ou non".
Para organizar toda a rede semafórica, os axentes teñen unha programación que eles preestableceron que intenta adaptar os tempos dos semáforos á demanda dos vehículos. Ademais existen medidores de aforamentos instalados en puntos clave das distintas rúas. Estes detectores instalados baixo o asfalto miden a intensidade de circulación, o número de vehículos que pasan sobre eles.
Outras ferramentas á súa disposición están instaladas nas entradas da cidade, nos puntos máis importantes e nas proximidades dos aparcadoiros, son os paneis que facilitan información sobre o número de prazas libres dos estacionamentos da cidade.
En definitiva o CETRA do Concello de Pontevedra pretende ser o punto de unión entre todos os axentes implicados no tráfico urbano da cidade: peóns, vehículos privados, transporte colectivo, Policía Local, medios de comunicación, etc. e dende ela realízase a xestión integral do tráfico.
Como todo, tamén o CETRA é susceptible de mellorar, este caso antes de despedirnos Omil comparte connosco que o desexo dos axentes sería incorporar ao sistema, polo menos un par de novos dispositivos para mellorar unha zona de sombra onde as cámaras non chegan. En concreto, na Avenida das Corbaceiras. A ver o que traen os Reis Magos.