O novo centro de día para persoas maiores de Marín abrirá despois do verán e formará parte da rede pública autonómica
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia abrirá despois do verán o novo centro de día para persoas maiores de Marín, que pasará a formar parte da rede pública autonómica.
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e do xerente do 'Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar', Perfecto Rodríguez, comprobou este martes, o avance nas obras de acondicionamento do primeiro andar da Casa do Mar no que se emprazará este servizo.
O centro entrará en funcionamento con 20 prazas dispoñibles, que se poderán ir incrementando ata as 40 se é necesario.
O Goberno galego financiou con 250.000 euros a adecuación e equipamento do inmoble.
Con esta actuación renóvase por completo a Casa do Mar de Marín como espazo destinado aos coidados dos maiores e dos máis pequenos, pois no seu baixo a Xunta ten unha escola infantil.