Pontevedra afiánzase no 2013 por enriba da barreira dos 83.000 habitantes
Por Alejandro Espiño
83.420. ÿ o número de pontevedreses que, a 10 de decembro de 2013, figuran no padrón municipal, segundo os datos feitos públicos polo Concello de Pontevedra. Esta cifra aínda podería aumentar sensiblemente, xa que estes datos son provisionais e decembro adoita ser, tradicionalmente, un mes moi activo nesta materia. Os definitivos de 2013 coñeceranse aínda dentro duns meses.
Pero sexa como sexa, estes datos demostran que Pontevedra segue aumentando a súa poboación. Desde o 1 de xaneiro, data na que estaban rexistradas 83.181 persoas no padrón, somos 239 pontevedreses máis. ÿ o decimoséptimo ano consecutivo no que a cidade experimenta un aumento de poboación. E faino catro veces máis rápido que o ano anterior, xa que entre 2012 e 2013 o crecemento rexistrado foi de apenas 60 persoas.
Para unha análise máis pormenorizada, o padrón remítenos ao pasado 30 de novembro, cando se rexistraban 83.393 pontevedreses. Nesa data, 62.565 pontevedreses (un 75,02% do total do municipio) vivían no núcleo urbano. O resto, 20.841 persoas, repártense entre as quince parroquias do rural. En case todas elas, salvo Mourente e Salcedo hai menos habitantes que hai un ano, un descenso debido ao envellecemento poboacional destas zonas.
2012 | 2013 | |
Alba | 768 | 762 |
Bora | 784 | 780 |
Campañó | 1.898 | 1.892 |
A Canicouva | 258 | 251 |
Cerponzóns | 761 | 759 |
Lérez | 1.813 | 1.791 |
Lourizán | 3.199 | 3.164 |
Marcón | 2.225 | 2.210 |
Mourente | 2.011 | 2.019 |
Ponte Sampaio | 1.057 | 1.054 |
Salcedo | 2.153 | 2.153 |
S. María de Xeve | 882 | 874 |
Tomeza | 1.048 | 1.044 |
Verducido | 949 | 941 |
Xeve | 1.119 | 1.100 |
A partir de aquí, os datos do padrón hai que tomalos con certa cautela ao comparalos cos do ano anterior, debido á súa provisionalidade. Por exemplo, o número de nacementos en 2013 (535) volven ser superiores ás defuncións (492), aínda que os últimos datos comunicados dos pontevedreses recén nacidos son de setembro, mentres que os falecidos están contabilizados ata outubro.
As mulleres (43.553) seguen sendo maioría en Pontevedra. Son 3.713 máis que os homes. O maior volume poboacional séguese situando entre os 30 e os 50 anos, en cuxa franxa de idade sitúanse 27.397 persoas. Iso si, no último ano agudízase unha tendencia que xa se detectara recentemente. Cae con forza o número de estranxeiros empadroados na cidade. Son 3.496, é dicir, 268 menos que hai un ano.
A caída dos nacementos nos últimos anos deixouse sentir, ademais, no número de nenos menores de catro anos que hai en todo o municipio. Segundo o padrón municipal, fronte aos 4.036 que había a finais de 2012, actualmente son 3.851 (185 menos). Sumados ao resto de pontevedreses menores de 15 anos, alcánzase unha cifra de 11.803 persoas, un número similar ao do ano pasado.
Pola contra, segue aumentando o número de pontevedreses en idade de xubilación. En todo o concello, 15.380 persoas (396 máis que hai un ano) teñen máis de 65 anos. 10.336 viven no casco urbano e o resto no rural. De todos eles, case cinco mil (4.868) exceden os 80 anos de idade. E un último apunte, os máis lonxevos, aqueles que superan os 95 anos son 203, 10 menos que en 2012. Trátase de 158 mulleres e de 45 homes.