A Subdelegación do Goberno en Pontevedra tramitou 247 sancións no mundo do deporte ao longo do 2022
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou este luns a Semana da Administración Aberta, unhas xornadas que se desenvolverán en toda España entre o 20 e o 24 de marzo co obxectivo de achegar á cidadanía o traballo da Administración.
A subdelegada explicou que esta será a segunda edición organizada polo goberno actual, e destacou a visita á sede da Dependencia de Sanidade Exterior, situada na estación Marítima do Porto de Vigo, o mércores ás 11:00 horas. Doutra banda tamén apuntou que haberá unha visita ás principais oficinas e salas do edificio da Subdelegación en Pontevedra, o xoves ás 11.00 horas.
Larriba fixo referencia aos servizos que se atopan na Subdelegación, entre os que están os servizos de Industria, Sancións Administrativas, Autorizacións, Pesca e Agricultura, Sanidade Exterior, Violencia de Xénero, Protección Civil, Traballo e Estranxeiría, e puntos de control fronteirizo.
Outro dos aspectos destacados pola subdelegada do Goberno foi o das distintas áreas de actuación, entre as que están a área de Sancións Administrativas, que supuxo a tramitación de máis de 6.500 sancións no pasado ano, entre as que destacan as máis de 4.000 por substancias estupefacientes, ou as 247 impostas no mundo do deporte por condutas antideportivas en campos e estadios.
Doutra banda, Maica Larriba informou de que a dependencia de Agricultura e Pesca desenvolveu máis de 700 inspeccións pesqueiras, tanto en portos como a bordo de buques, levantándose 38 actas de sancións. En relación con iso, Larriba quixo poñer en relevo a actividade nos tres puntos de control fronteirizo nos portos de Vigo, Vilagarcía e Marín.
Outro dos aspectos destacados pola Subdelegada foi o dos Servizos de Sanidade Exterior, que controlaron máis de 20.000 partidas de produtos en importación e exportación. Ademais dos servizos mencionados, un dos destacados foi o do Centro de Vacinación Internacional, que administrou un total de 1797 vacinas aos viaxeiros no ano 2022.
As persoas que queiran participar nalgunha das visitas tendrán que apuntarse a través do correo electrónico subdelegación.pontevedra@correo.gob.es indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto, ou na páxina web do goberno.