A Consellería do Mar autoriza novos espazos de extracción de mexilla no Grove
Por Redacción
A Consellería do Mar decidiu autorizar este domingo 19 de marzo a apertura de novas zonas para que se extraia a semente de mexillón, coñecida como mexilla, para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano.
Desde a Xunta indícase que a medida é de carácter extraordinario e conxuntural, afectando o ámbito territorial das confrarías do Grove e tamén da Guarda durante a presente campaña.
Con esta medida, que se suma ás xa adoptadas na provincia da Coruña, desde a Consellería indícase que quedan abertos máis de 22 quilómetros adicionais de costa para a retirada de mexilla.
Durante as últimas semanas mantiveron conversacións a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica cos representantes das principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia como son Opmega, Amegrove e Socomgal; ademais das confrarías de pescadores. As propostas destes colectivos son consideradas "razoables e viables" pola administración autonómica.
A medida é aplicable a partir do luns 20 de marzo coa finalidade de que poidan dispoñer destas zonas de recollida en período de baixamar, cando se rexistran as condicións óptimas para extraer mexilla.
Desde a Consellería lémbrase que tamén se están adoptando outras medidas a medio e longo prazo centradas na investigación, cun investimento de máis de dous millóns de euros, co obxectivo de obter datos sobre a abundancia de fazula no litoral galego, na captación de semente por diferentes procedementos e na produción en criadeiros.