A Xunta oferta 12 prazas para un curso de recolector de recursos con técnicas de mergullo

Por Redacción
A Consellería do Mar convocou doce prazas para un novo curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula deste curso está aberto desde esta semana ata o vindeiro 14 de abril.
A formación se impartirá na sede do Igafa, na Illa de Arousa entre o 15 de maio e o 7 de xuño en horario de tarde de 16:00 a 21:00 horas. A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.
A única condición antes da realización do curso é que as persoas matriculadas deberán facer probas físicas en piscina. O listado das seleccionadas para realizalas publicarase o 25 de abril no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar e a realización das probas será o 28 de abril ás 16:00 horas.
Unha vez superadas, deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico, que terá lugar o 12 de maio ás 16:00 horas. As persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.
Os requisitos necesarios para matricularse poderán consultarse no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura e na web da Consellería do Mar no seguinte enlace.
Relacionadas:
-
Tres tartarugas e un lobo mariño recupéranse na Illa de Arousa antes de volver ao seu medio natural
Por Redacción |
-
O IGAFA da Illa de Arousa acolle á tartaruga Nemiña para a súa recuperación
Por Redacción |
-
Oferta de máis de 1.100 prazas de Formación Profesional na comarca do Salnés
Por Redacción |