Novos proxectos en Pontevedra, Poio e Marín para sanear a ría
Por Redacción
A Xunta avanza en novos proxectos en Pontevedra, Poio e Marín para mellorar o saneamento da ría, tras investir 30 millóns de euros na mellora da depuradora dos Praceres e no emisario submarino cos que se evitou a sanción millonaria da Unión Europea.
Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, explicou este venres na Comisión Segunda do Parlamento os detalles destes novos proxectos que complementan as obras xa executadas.
Neste senso, indicou que a intervención no colector xeral xa está acometida, tamén está contratada a mellora da nova impulsión en Marín e os dous proxectos de mellora do saneamento en Poio e en Marín están en fase de supervisión.
Pola súa banda, a Xunta xa avanza na redacción do proxecto de adecuación da capacidade de transporte da auga residual da estación de bombeo de Cocheiras á capacidade da estación depuradora dos Praceres. A obra de mellora da depuradora realizouse cun investimento de 16 millóns e medio de euros e a do emisario submarino cun orzamento de 12 millóns.
Teresa Gutiérrez indicou que en relación á ampliación da depuradora dos Praceres, Augas de Galicia está pendente de iniciar a tramitación da licitación para a elaboración do documento ambiental e do proxecto construtivo.