As escolas infantís públicas abren o prazo de matrícula: entre este venres e o 5 de abril
Por Redacción
As escolas infantís públicas autonómicas abren este venres 17 de marzo o prazo de matrícula para o próximo curso 2023-24. As familias interesadas poderán solicitar praza ata o 5 de abril.
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou a apertura do prazo de matrícula durante unha visita á escola infantil de Santa Susana, en Santiago, na que sinalou que os pais poderán solicitar unha das 10.500 ofertadas.
O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves o calendario de matriculación para estes centros, que en setembro empezarán o seu segundo ano totalmente gratuítos.
A conselleira lembrou que Galicia converteuse o pasado ano na primeira comunidade en facer gratuítas todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, durante oito horas ao día e once meses ao ano e sinalou que a medida beneficia a 31.000 familias, que aforran ao redor de 2.000 euros ao ano.
A Xunta inviste máis de 55 millóns de euros ao ano nesta medida.