De maior quero ser... solidario e bombeiro
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Nenos de todas as idades achegáronse durante a mañá deste domingo 29 ás instalacións do Parque de Bombeiros de Pontevedra para ver de preto como é o traballo de salvamento que desenvolve este corpo de funcionarios municipais. A cambio, os pequenos acompañados dos seus pais deixaban xoguetes para colaborar coa campaña solidaria para estas festas da RedeAxuda.
Ás 9:30 horas cando se abriron as portas do recinto, o número de visitantes foi escaso debido ás frías temperaturas. A medida que avanzaba a mañá e saía o sol, numerosos pais animábanse a achegarse cos fillos ata as instalacións.
O aparcadoiro situado en fronte e que pertence ao cuartel da Garda Civil foi cedido para que puidesen aparcar alí os vehículos e os membros de Protección Civil encargáronse de regular o acceso e a entrada ao parque cortando o tráfico na rotonda se era necesario para que cruzasen os visitantes.
Segundo explicou o sarxento dos Bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería, durante a visita mostrábanse os vehículos de primeira intervención que, sobre todo, se empregan para a extinción de incendios e para rescates. Noutra nave ofrecíase unha exhibición dunha actuación de excarceración. "Hemos traído un par de vehículos para hacer una demostración de cómo se actúa en el caso de un accidente de tráfico", explicaba Ferrería. Así, explicábase aos asistentes o procedemento para retirar unha porta ou abatir o teito do vehículo accidentado.
Unha das zonas máis divertidas para os pequenos era a habilitada para o vehículo ama que daba presión a dúas liñas de auga para que os nenos acompañados polos bombeiros manexasen a lanza. "Ven cómo con un simple giro de muñeca son capaces de enviar el agua más lejos o más cerca en función de la necesidad que tuviésemos. Ellos mismos manejan la lanza y ven cómo se apagaría un incendio", sinalaba o sarxento da dotación. Por último, os bombeiros invitaban os nenos e os adultos a subir a un vehículo bomba para dar un par de voltas arredor do parque para comprobar as habilidades do condutor e o son da serea.
A partir deste luns 30 canalizaranse a través da RedeAxuda os regalos que foron depositados no Parque ao que asistiron visitantes ata pasadas as 14:30 horas en grupos de ao redor de 30 persoas.