TéAreeiro, un té de camelia feito en Pontevedra que "sabe a natureza"
Por Redacción
Facer un té "propio e de enorme calidade" a partir da flor raíña das Rías Baixas, a camelia. Ese é o obxectivo da iniciativa da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Crearon una marca, denominada TéAreeiro, para impulsar a produción de té verde de camelia na provincia de Pontevedra.
Este distintivo foi presentado este luns no marco dun acto no que, como non podía ser doutro xeito, celebrouse unha degustación do té elaborado a partir das plantacións de camelias que hai neste centro dependente da Deputación de Pontevedra.
Areeiro ten un área de 500 metros cadrados dedicada ao cultivo de té cun total de 300 plantas. Leva máis de vinte anos traballando para seleccionar as plantas de camellia sinensis, a variedade da que se obtén o té, máis axeitada para elaborar este produto.
Así, segundo explicou a súa directora, Carmen Salinero, elixíronse máis dunha ducia "para poder facer un té de enorme calidade que poida competir con calquera do mundo".
Unha vez creada a marca, engadiu a responsable do centro, toca traballar con centros de investigación, asociacións, persoas produtoras e responsables dos establecementos de restauración para fomentar este cultivo e a súa futura comercialización.
"Precisamos impulso, ideas, traballar xuntos para que isto que hoxe é unha marca, unha folla de ruta, máis pronto que tarde se converta nun elemento identificativo que nos permita seguir crecendo", subliñou Salinero, apostando por unha produción sostible que cree emprego no rural.
A provincia, destacou a directora de Areeiro, reúne as "condicións óptimas" para esta planta, tanto a pequena escala como en plantacións comerciais, que se cultiva mediante unha producción "rápida, ecolóxica e que beneficia ao medio ambiente".
Citou que a camellia sinensis está nas listas de plantas resistentes ao lume, polo que pode usarse como barreira protectora nas áreas próximas a poboacións rurais. Ademais, o proceso de elaboración é mecánico e físico, polo que non xera residuos de produtos químicos.
Todo iso irá acompañado de accións para a difusión deste té ou do seu cultivo "para que chegue á persoa consumidora un té propio, novo e fresco, porque sabe á natureza", afirmou Carmen Salinero, que avogou por quitar a palabra amargo do té, porque "o único té amargo é o mal feito".
O primeiro paso dado pola Deputación consistiu no rexistro da marca e a elaboración do Plan Estratéxico para impulsar a produción en toda a provincia e convertela nun referente baixo o paraugas de Areeiro, a fin de diferenciala e individualizala no mercado.
Carmela Silva destacou que TéAreeiro é un proxecto cun "enorme futuro" baseado na flor símbolo das Rías Baixas, que xa é un polo de atracción turística na provincia e ao que agora se suma o impulso da súa vertente gastronómica, de formación e de saúde.
"Queremos converternos nunha provincia produtora de té e favorecer que a xente poida desfrutar dunha bebida como esta, recoñecida mundialmente por todos os seus valores para a saúde", avanzou Silva, que participou na presentación desta nova marca.
Xunto a ambas estiveron, entre outros, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, chefs Estrela Michelin como Iñaki Bretal, responsables dos xardíns de camelias de pazos da provincia, asociacións, cooperativas agrícolas ou mancomunidades de montes.
Relacionadas:
-
O Castelo de Soutomaior e os pazos de Lourizán, Rubiáns e Quinteiro da Cruz, adhírense á Rede Europea de Xardíns Históricos
Por Redacción |
-
O xardín de camelias da Finca Areeiro acada a excelencia internacional
Por Redacción |
-
Rocío Barreiro, investigadora de Areeiro, acada o cum laude cunha tese sobre propiedades anticanceríxenas da camelia
Por Redacción |
-
Carmen Salinero propón un reto no inicio da Peregrina: "Sentídevos como eu me sinto, orgullosa da nosa Pontevedra!"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |