O prazo da segunda licitación das obras de mellora da Biblioteca Torrente Ballester, aberto ata o 30 de marzo
O Concello de Bueu abriu o prazo da segunda licitación do expediente de contratación das obras da Biblioteca Torrente Ballester ao ter que revisar o primeiro debido á suba dos prezos de mercado. Tras a revisión, o orzamento ascende a 1.108.321 euros e as empresas terán de prazo ata o 30 de marzo para presentar as ofertas.
O Concello levara a cabo unha licitación anterior, pero debido ao incremento dos custos de produción, a adxudicataria presentou a súa renuncia, motivo polo cal houbo que modificar o proxecto e aprobalo de novo no pleno, segundo explica o Concello de Bueu. O novo orzamento se financiará con cargo ao plan Reacpon da Deputación Provincial de Pontevedra.
Esta actuación pretende modernizar a biblioteca adaptándoa ao século XXI, con especial atención á mellora de accesibilidade e seguridade de todas as persoas. O actual edificio, situado no Parque Ramal dos Galos, contará cunha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie. A ampliación permitirá o traslado do Arquivo Municipal ao centro bueués.
Espérase que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarán con sala de estudos, de informática e polivalentes. Ademais, a reforma servirá para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao dotar dun ascensor a este edificio de máis de trinta anos.