Cortan unha estrada de Poio ao afundirse parte da calzada
Por Redacción
A estrada EP-0603 permanece pechada desde a noite deste sábado na Travesía de Muíño, en Poio. Trátase dunha medida preventiva adoptada para evitar a situación de perigo derivada do afundimento de parte da calzada.
A alerta xurdiu na noite deste sábado. Minutos antes das 23.30 horas tívose coñecemento da aparición dunha fochanca que foi aumentando de tamaño e profundidade.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, todo apunta a que a estrada se afundiu por filtracións de auga e decidiuse adoptar a medida de cortar a circulación polo perigo da fochanca e polo descoñecemento de que hai debaixo dese tramo de calzada.
O tramo afectado está situado á altura da Ponte dos Demos e xa durante a noite do sábado acudiron ata o lugar a agrupación de voluntarios de Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico.
O 112 Galicia tamén alertou ao persoal de mantemento das estradas, que, unha vez no punto, procedeu a cortar a vía, sinalizando as correspondentes alternativas de circulación.
A Policía Local de Poio confirma que pola estrada afectada tan só está permitida a circulación de residentes ata o punto no que se produciu o afundimento polos dous lados. Xusto ese punto está totalmente pechado.
Recoméndase cambiar os itinerarios habituais de circulación. Desde a rúa do Cesteiro desvíase o tráfico cara ao Camiño Padriño. Pódese acceder á travesía de Muiño pola avenida Doutor José Martínez García, ou dende a VG.4.8 por Camiño da Bouza ou da V.G.4.8 cara Fragamoreira.
A estrada é titularidade da Deputación Provincial e comunica a zona de Seara coa travesía do Muiño.
CRÍTICAS DO PP
O PP de Poio referiuse este domingo ao sucedido con esta fochanca para poñela como exemplo "de que os gobernos de BNG e PSOE son un perigo", en alusión a que é a segunda estrada de competencia de BNG e PSOE na Deputación Provincial e xestionada polo deputado provincial e tamén concelleiro de Poio Gregorio Agís en afundirse en menos de dous meses e nun espazo de dous quilómetros. A outra foi a estrada de Campañó afectada polas choivas en xaneiro.
A concelleira Rocío Cochón lamenta que "estivo a punto de haber unha desgraza" e critica que o goberno tripartito de Poio dedicase catro anos a criticar a outras administracións, como a Xunta, que si inviste en mobilidade e seguridade en Poio e a confrontar con elas en vez de traballar.
Relacionadas:
-
Supervisan a reparación do firme da estrada do Muíño
Por Redacción |
-
Actívase o plan de emerxencias no Centro Comercial A Barca polo incendio dun vehículo nun taller
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Reabren a estrada do Muíño tras reparar o burato que apareceu na vía
Por Redacción |
-
Inician a reparación da estrada do Muíño, afundida polos desperfectos da estrutura de drenaxe
Por Redacción |