Seis mil horas anuais máis para rematar coa lista de agarda no servizo de axuda no fogar de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Xunta de Galicia vai ampliar en 6.000 as horas anuais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) financiadas para atender a aquelas persoas de Cerdedo-Cotobade que están á espera do servizo.
Con este incremento, o Goberno galego eleva as horas a disposición do Concello ata as 37.000 horas anuais. Así mesmo, increméntase o investimento a este servizo en 72.000 euros ata chegar aos preto de 450.000 euros.
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, trasladou esta información ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no transcurso dunha reunión na sede da Xunta en San Caetano.
Durante o encontro, Fabiola García e Jorge Cubela abordaron a necesidade de continuar mellorando a colaboración entre Administracións públicas para garantir servizos de proximidade aos municipios do rural, máis en concreto ás persoas maiores.