'El Faro' de Mara Torres, desde o cárcere da Lama: "dous mundos, o de fóra e o de dentro, unidos por un programa de radio"
Por Natalia Puga
O son metálico e chirriante das celas da prisión da Lama deu a benvida aos oíntes do programa 'El Faro' que Mara Torres presenta na Cadena Ser de luns a venres de madrugada. Foi na madrugada do xoves ao venres e servían de carta de presentación dunha edición moi especial, gravada desde o interior do centro penal.
"Así soa parte da vida no cárcere da Lama, en Pontevedra. Este son das portas das celas nas que viven Carlota, Marta, Masiel, Eva, Alma e outros 900 internos soa varias veces ao día", explicaba a presentadora nada máis empezar o programa.
A partir de aí, dúas horas nas que Torres falou "dun lugar no que dous mundos, o de fóra e o de dentro, únense por un proframa de radio" e nas que deu voz a "internos que desde que entran por primeira vez neste lugar empezan a contar canto tempo queda para saír".
Esta edición tan especial de 'El Faro' ten a súa orixe nunha nota de audio que Aldredo Feijóo, un educador da Lama, enviou ao programa. Nela, explicáballes que lles quería facer chegar unha carta escrita por unha das internas, Carlota. Envioulles unha carta escaneada en decembro e, cando todo chegou a Mara Torres, empezaron os preprativos para facer realidade este programa realizado e emitido esta semana.
Esa carta reproduciuse durante o programa desta semana. Nela, Carlota fálalles do programa 'Elas improvisan' que un grupo de internas da Lama realiza na radio do interior da prisión para a poboación recluída que por un día tamén chegou ao resto de España.
O programa deu voz a Carlota e tamén a moitas outras internas e traballadores da prisión pontevedresa, que fixeron realidade o soño de Carlota. Tal e como ela confesaba nesa carta, entrar na radio "foi unha sorpresa e un soño cumprido, emocióname que me escoite só unha pesona". Agora, puido chegar máis aló dos muros do cárcere e tamén entregar a Mara Torres a carta orixinal.
Alfredo Feijóo explicou que o moveu a enviar esa nota de audio a 'O Faro' e tamén da propia versión do programa que realizan na Lama. En 'Elas improvisan' falan cada semana dunha única palabra e achegan ideas e reflexións.
Nesta edición explicaron a súa realidade ao exterior e tamén o concepto do paso de tempo desde dentro dos muros. "Na rúa, o tempo vívese doutra maneira, aquí o tempo non pasa, é coma se o reloxo dese cara atrás as badaladas", explicou unha das internas. Outra engadiu que a ela pásalle "rápido porque estou ocupada, pero na noite detense o tempo, é super durísimo o fin de semana".
Contaron tamén como foi saír á rúa por primeira vez ou como en prisión se aprende a valorar o que se ten fera. "O máis bonito é ter liberdade e vivir a túa vida, e vivila ben, con tempo para ser feliz, para soñar e para todo, pero en liberdade", reflexionaron. E unha interna tamén confesou que "hai cárceres moito peores, isto son catro barrotes e catro muros, o cárcere de verdade é psicolóxica".
Esta semana, emocionáronse tanto a poboación recluída como a directora, Teresa Delgado; os educadores; e a propia Mara Torres. "Foi un gusto coñecer esta realidade gozar convosco, emocionarme convosco, chorar, reirme, cantar, foi un descubrimento, sabendo que hai dous mundos, o de fóra e do de dentro que se uniron cun programa de radio", dixo a modo de despedida.
Relacionadas:
-
Recoñecemento a nivel europeo para A Lama polo programa radiofónico 'Ellas improvisan'
Por Natalia Puga |
-
Día de festa no cárcere da Lama que, dous anos despois, volve festexar á súa patroa
Por Redacción |
-
A Lama, primeira prisión galega en apostar pola Xustiza Restaurativa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Recoñecemento á "profesionalidad" e "compromiso" do persoal e os internos da Lama, que lograron esquivar os contaxios
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |