O primeiro Premio 8M de Vilaboa será para Teresa Alida Martínez
Por Redacción
Teresa Alida Martínez, unha muller feminista, solidaria e comprometida coas causas xustas. Así describe o Concello de Vilaboa á persoa que recibirá o primeiro Premio 8M.
Este galardón busca recoñecer e visibilizar o traballo da muller en diferentes ámbitos. Este ano recaerá nesta muller, que exerceu como enfermeira durante 42 anos, 35 deles na UCI de Montecelo, onde deixou unha gran pegada entre as súas compañeiras e compañeiros.
Ademais, compaxinou a súa profesión coa colaboración co seu home na empresa familiar de compra e venta de mariscos.
A homenaxeada foi tamén presidenta da asociación de veciños de Santa Cristina, mostrando sempre un fondo compromiso social e é unha muller que adoita asistir acude a todos os eventos culturais que se promoven desde o Concello ou desde o movemento asociativo.
O premio que vai recoller Teresa Alida é unha figura tallada en madeira e pintada coas cores feministas, cunha técnica de escultura policromada e de madeira.
O título da escultura é Muller das Salinas e representa unha figura feminina erguida cunha pá para achandar o sal na man, en referencia ao traballo que facían as mulleres nas Salinas de Vilaboa. A súa autora é Irene Silva Xiráldez.
Vaino recibir nun acto que terá lugar o vindeiro día 18 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa de Cultura de Riomaior e que estará amenizado pola música de Miguel Fraile e a voz de Bea Míguez.