Alertan da posibilidade de interferencias na TDT debido á instalación da tecnoloxía 5G
Por Redacción
Durante os próximos días despregarase no municipio da Lama a tecnoloxía 5G para os operadores de telefonía móbil. Esta quinta xeración de tecnoloxías para móbiles ocupa bandas de frecuencia que antes eran utilizadas para uso da Televisión Dixital Terrestre (TDT).
Por este motivo, no caso de que as persoas residentes detecten algunha anomalía ou interferencia nas emisións da TDT terán a posibilidade de poñerse en contacto cos responsables da instalación, a empresa Llega700, a través do teléfono gratuíto 900.833.999.
Os veciños tampouco terán que pagar aos operarios no caso de que algún técnico deba desprazarse ou realizar algunha comprobación e emendar problemas derivados desta instalación nas vivendas.
O 5G permitirá ofrecer unha mellor cobertura en interiores e a maior extensión de cobertura posible para telefonía móbil. Mellorarán a velocidade de conexión a internet, os servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda, ademais de novos servizos que se incorporarán nos próximos anos, segundo avanza o Concello da Lama.