
© Mónica Patxot
Os sanitarios que viaxan en bus desde Pontevedra aos hospitais de Vigo esixen solucións por atrasos continuos de ata 45 minutos

Por Manu Otero

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Moitos traballadores do Sergas que residen nos municipios de Marín e Pontevedra acoden a diario aos seus postos de traballo nos distintos hospitais da área sanitaria de Vigo nunha liña de autobús especial de Monbús que os leva directamente aos centros sanitarios do Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro. Con todo, con motivo das obras que se están realizando na estación intermodal de Vigo, este transporte está a sufrir atrasos habituais de ata 45 minutos que fai que estes profesionais cheguen tarde aos seus postos de traballo.
Por este motivo, o colectivo de sanitarios enviou un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no que detallan os trastornos que están pacedendo polo corte dun tramo de autoestrada á entrada da cidade olívica. "Como consecuencia deste tramo cortado, o autobús debe saír cara á rúa García Barbón e percorrer numerosas rúas do centro de Vigo para poder chegar á Praza de España", recolle o escrito.
Un itinerario alternativo que atrasa a hora habitual de chegada do persoal sanitario do Hospital Álvaro Cunqueiro, que normalmente chegaba uns 15 ou 10 minutos antes do cambio de quenda, ata os 30 ou 45 minutos, protestan.
Un atraso que "empeora aínda máis a situación que vimos sufrindo desde hai uns meses, antes das obras, cando de forma habitual a quenda de tarde chegaba tarde ao seu posto de traballo", lembran. Tampouco están de acordo en que na quenda de mañá exista un mivrobús que comparten sanitarios con estudantes que vai directo ao Meixoeiro, mentres que o groso de traballadores debe coller outro autobús que, antes de chegar ao Cunqueiro, fai unha parada na Praza de España que fai que en moitas ocasións cheguen tarde ao seu traballo.
Como consecuencia disto, informan á Xunta que os sanitarios se expoñen á posibilidade de que lles abran expedientes disciplinarios por falta de puntualidade constante que "non son achacables ás obras nin a momentos puntuais de tráfico senón que son totalmente previsibles e solucionables, porque a liña está destinada prioritariamente ao traslado de traballadores sociosanitarios de Vigo", puntualizan na súa queixa.
Por todo iso, reclaman que "durante todo o período de obras da intermodal sexan fretados dous autobuses, o primeiro que vaia á Praza de España e o segundo que vaia directamente ao Hospital Meixoeiro, Hospital Álvaro Cunqueiro e residencias. Así mesmo, piden que esta proposta sexa permanente para poñer fin á "angustia" que soportan a diario por "pensar que imos chegar tarde ao noso traballo".