Este venres entra en funcionamento o composteiro comunitario do parque de Ánkar
Por Redacción
Este venres ás 11.30 horas inaugúrase o quinto centro de compostaxe comunitaria de Poio, integrado dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Será no parque de Ánkar na parroquia de San Salvador.
Na zona, ata as 15.00 horas, permanecerá instalada unha carpa para ofrecer información sobre a compostaxe ás persoas interesadas. Aqueles residentes na zona que desexen compostar os seus restos de comida e vexetais terán a oportunidade de participar na iniciativa de maneira inminente, segundo informan desde a Deputación.
As familias que participen recibirá un cubo específico para depositar na súa vivenda cada día os biorresiduos que despois deberán trasladar ao centro de compostaxe, que consta de dez unidades modulares.
Este espazo será atendido polo persoal técnico contratado polas subvencións do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. A mestra composteira municipal encargarase tamén de que todos os datos das medicións se envorquen na Plataforma Revitaliza para despois facer un seguimento e unha análise comparada garantindo o seu funcionamento de maneira correcta. Nestes procesos elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiuos grazas ás altas temperaturas que se alcanzan no interior dos depósitos.
BIOTRITURADORAS
A partir da próxima semana, a través da concellería de Obras e Servizos Municipais, xa estarán ao dispor da veciñanza de Poio as dez biotrituradoras que o Concello adquiriu, con fondos europeos.
Establecerase un sistema de préstamo dirixido ás persoas empadroadas no municipio, co obxectivo de garantir un tratamento e eliminación de resto de podas adecuado. Con esta iniciativa búscase reducir a realización de fogueiras e, ao mesmo tempo, contribuír na elaboración de estructurante para os composteiros.
Segundo indica Julio Casás, concelleiro responsable da área, a páxina web do Concello contará cun espazo para facilitar a tramitación de solicitudes desta maquinaria.
As persoas interesadas en obter máis información deberán chamar ao 986.770.001 ou poñerse en contacto coa mestra composteira no teléfono 604.025.288.
A recollida das biotrituradoras realizarase en horario de mañá na Reiboa (A Seca). Desde a concellería esperan que este servizo conte cunha alta demanda polo interese suscitado.
Relacionadas:
-
Campaña de seguimento do Plan Revitaliza de máis de 5.300 composteiros individuais
Por Redacción |
-
A compostaxe comunitaria increméntase un 25% en Poio ata as 80 toneladas anuais de residuos orgánicos
Por Redacción |
-
Poio está en disposición de reducir un 40% as súas emisións de carbono antes do ano 2030
Por Redacción |
-
Todos os centros educativos de Poio xa teñen composteiro
Por Redacción |