8M | Bueu reclama unha "resposta coordinada" para alcanzar unha igualdade real
Por Redacción
Cun recoñecemento á mestra Raquel Álvarez Martínez e cunha concentración feminista. Así conmemorou Bueu este 8 de marzo, Día da Muller.
Os actos comezaron no salón de plenos, ás sete da tarde, coa charla de Raquel Álvarez, veciña galardoada nos VII Premios Sofía Novoa de perspectiva de xénero, polo seu traballo de fin de mestrado, un álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil.
Explicou ás persoas asistentes este proxecto, que é unha intervención baseada na simbiose destes instrumentos e xéneros como metodoloxía idónea para abordar as cuestións de xénero e promover a igualdade en 5º de Educación Infantil.
A mestra, que fixo este traballo no CEIP Montemogos de Beluso, salientou que a educación en igualdade "debería ser máis prolongada no tempo e en todas as fases".
Ao remate do acto entregóuselle un cadro elaborado pola Asociación Juan XXIII de Cangas, no que se transmiten os valores da co-educación.
A continuación, celebrouse na Praza do Concello a concentración feminista na que a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, deu lectura á declaración institucional do Concello.
Nela, mostrou a preocupación ante o aumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres ou reclamou a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres.
Así mesmo, a declaración avanzou o "firme compromiso" para continuar, dentro das competencias municipais, a promover accións e proxectos que fomenten a igualdade e, concretamente, a iniciar nos próximos meses os trámites necesarios para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres.
Ademais do acto institucional polo Día da Muller, Bueu aproveitou este 8M para dar comezo ás Xornadas Gastronómicas en Feminino, unha iniciativa conxunta do Concello, a hostalería e o comercio da vila reivindicar o papel das mulleres que se dedican profesionalmente á cociña.
Ata o próximo domingo trece locais ofrecerán tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, que é a cociñeira que se elixiu este ano pola súa visibilización das mulleres na alta cociña.
Sotelo lembrou os seus comezos no restaurante A Centoleira de Bueu e salientou que "é importante destacar o labor das mulleres non só na cociña senón en todos os ámbitos".
Os locais que participan nesta edición son Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga, Aturuxo Bar, Morriña, Restaurante Casa Quintela e O Farol.
Ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3,50 euros, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Bea Sotelo.
Relacionadas:
-
Os Premios Sofía Novoa recoñecen o compromiso coa igualdade de dúas universitarias de Pontevedra e unha de Bueu
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu comeza este mércores os seus actos polo 8M
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Trece locais da hostalaría de Bueu crearán as súas propias tapas nas 'Xornadas gastronómicas en feminino'