8M | Catro pioneiras na loita contra os teitos de cristal reciben unha homenaxe en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Dúas farmacéuticas e dúas hostaleiras foron as protagonistas do acto central organizado en Cerdedo-Cotobade para conmemorar este 8 de marzo, Día Internacional da Muller. As catro foron escollidas polo papel como pioneiras na loita contra os teitos de cristal.
Así, foron homenaxeadas Pilar Pérez-Lafuente Córdoba e María Jesús Gamallo Morales, que exercían o seu labor nas farmacias de Carballedo e Cerdedo; e Josefa Fernández Garrido e Sara Rivas Campos, responsables dos restaurantes A Raxadal (Carballedo) e Meu Lar (Cerdedo).
O evento, que se organizou en colaboración coa Asociación de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas, combinou momentos reivindicativos con outros culturais e musicais, que culminaron coa homenaxe a estas catro mulleres.
Tras a actuación da pianista e soprano lírica Andrea González, a tenente de alcalde, Lourdes Ovelleiro, leu un manifesto que reflectiu a loita pola igualdade das mulleres desde hai máis de 100 anos e citou tamén os dereitos conquistados "a base de longas loitas e sacrificios".
As catro mulleres protagonistas recibiron varios agasallos conmemorativos, entre eles unhas placas e ramos de flores, e foron destacadas por ser "auténticos motores" do emprendemento no municipio "en momentos moi complicados para as mulleres".
O alcalde, Jorge Cubela, pechou o acto reivindicando as políticas de igualdade levadas a cabo desde o Concello e rexeitou os modelos de comportamento que estereotipan roles machistas, "xérmolo en moitos casos da violencia de xénero".
"Queremos homenaxear hoxe aquí a Pepita, Sara, Pilar e Chus, mulleres que foron pioneiras no seu momento na loita contra os teitos de cristal", subliñou Cubela, que non quixo esquecerse das vítimas da violencia machista que viven "situacións tremendas".
Todas elas, concluíu o rexedor, deben saber "que sempre nos terán ao seu carón,que non están soas e que en nós, no Concello e na sociedade, teñen onde buscar comprensión, refuxio, axuda e protección".