O Concello de Bueu comeza este mércores os seus actos polo 8M
O mércores 8 de marzo comezarán en Bueu os actos programados polo Día Internacional da Muller entre os que destacan o recoñecemento público a Raquel Álvarez, galardoada nos VII Premios Sofía Novoa con Perspectiva de Xénero da Deputación de Pontevedra, e a concentración feminista o 8 de marzo ás 20:00 horas na Praza do Concello.
Na concentración, lerase a declaración institucional do Concello con motivo desta data. A declaración recolle temas como a preocupación polo aumento da fenda de xénero.
Ademais, aborda a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor que contribúa a diminuír a crise económica e social que afecta as mulleres.
Doutra banda, desde o Concello queren mostrar o seu firme compromiso para promover accións e proxectos que fomente a igualdade.
Esta iniciativa tamén incluirá actividades destinadas a escolares e xornadas gastronómicas.
A programación terminará o 17 de marzo cunha homenaxe do Club Golfiños ao colectivo de farmacéuticas na figura de Carmen Outeda.