Un premio de disfraces convértese nunha doazón ao Banco de Alimentos
O alumnado do CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo presentouse o domingo 26 de febreiro ao concurso de disfraces do Entroido de Sanxenxo por grupos. Unha das agrupacións do curso de sexto de primaria obtivo un premio de 120 euros.
O director do colexio, Pedro Alberto Padín, explica ao xornal PontevedraViva que os estudantes foron ao concurso co colexio e que os seus disfraces se realizaron coa axuda do profesorado. Por mor disto, os nenos decidiron destinar inicialmente o diñeiro do premio á escola.
Segundo Padín, os escolares que obtiveron a recompensa, tomaron a decisión de que facer co diñeiro. A primeira opción foi destinar a contía do premio a libros, pero só se poderían comprar entre dez e doce e, valorando a situación, chegouse á conclusión de que non supoñería un gran cambio para a biblioteca engadir esta cantidade de libros.
Debido a que a primeira opción non obtivo éxito e que a situación económica actual é complicada, o alumnado suxeriu contactar co Banco de Alimentos de Vilalonga, expón o director. Unha vez estableceron comunicación con eles, preguntaron que produtos necesitaban.
Para levar a cabo a lista de artigos, os escolares recorreron á materia de Matemáticas. Realizaron un estudo de mercado e compararon os prezos dos produtos, xa que é imprescindible saber xestionar o diñeiro á hora de realizar compras, esclarece o director.
Unha vez coa lista, marcharon andando ao supermercado para comprar os produtos. Actualmente, o colexio está á espera de que o Banco de Alimentos recolla os artigos, explica Padín.
O director comenta que esta non é a primeira iniciativa solidaria que hai no colexio e que os escolares son "solidarios, comprometidos" e espera "que non cambien porque é ou que necesita a sociedade". Tamén cre que calquera dos estudantes tomaría unha decisión similar.