Intentarán xulgalo, por segunda vez, por abusar sexualmente dunha rapaza de 12 anos
Por Alejandro Espiño
Un coñecido caso de abuso de menores volve aos tribunais de xustiza. O acusado é José Luís F.V., un veciño da localidade pontevedresa de Crecente, ao que se lle imputa realizar tocamentos a unha menor de 12 anos en xullo de 2010. Será xulgado este xoves 8 de novembro na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Este xuízo tiña que celebrarse o pasado mes de xuño, pero o acusado non se presentou á vista oral. Foi notificado correctamente, pero segundo explicouse ao tribunal, atopábase na Cañiza.
O seu propio avogado tivo que insistirlle por teléfono para que acudise, incidindo na importancia da acusación, pero tras dúas horas de espera, seguiu sen aparecer e xa non contestaba ao seu teléfono móbil.
Segundo relata o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado achegouse á menor durante as festas que se celebraban na Praza da Carballeira, en Albeos (Crecente). Explica que "coa finalidade de procurarse satisfacción sexual", introduciu unha pelota de tenis no interior do xersei da nena, tras o cal realizoulle unha serie de tocamentos nos seus peitos.
Por iso, o Ministerio Fiscal sostén que estes feitos son legalmente constitutivos dun delito de abuso a un menor e solicita catro anos de prisión para el.