Vinte persoas reforzarán o plantel do Concello de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Unha aportación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 169.651 euros e outros 55.422 euros de fondos propios, permitirán ao Concello de Cerdedo-Cotobade a contratación de 20 persoas para reforzar o plantel municipal.
Traballarán a xornada completa durante sete meses 5 encofradores, 9 podadores, desbrozadores e motoserristas, 2 conductores-operadores de maquinaria forestal a motor, un conductor de camión e 3 pintores de vías urbanas.
O Plan Concellos prioriza as contratacións de colectivos especialmente desfavorecidos na súa incorporación ao mercado de traballo, como son as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas cunha discapacidade superior ao 33%, membros de familias monoparentais con fillos a cargo, persoas con niveis de renda baixos ou aqueles que teñan cargas familiares.
Estes traballadores, que se integrarán nas brigadas municipais e actuarán baixo a coordinación do encargado, van realizar tarefas básicas de reparacións urxentes, pavimentacións en formigón, muros de cerramento, limpezas e desbroces de rutas de sendeirismo, acondicionamento de zonas verdes e naturais, condución de tractores municipais para desbroces e limpeza de parcelas de titularidade municipal, condución do camión, pintado de vías e dependencias municipais e mellora da sinalización horizontal en estradas do municipio.