Ponte Caldelas arranxa os danos do temporal Dirk e prepárase para a chegada do seguinte
Por Redacción
Operarios do servizo de mantemento do Concello de Ponte Caldelas están percorrendo os principais viales de comunicación interior do municipio co fin de mitigar os efectos do paso da cicloxénesis explosiva e en previsión de que as novas borrascas, que ameazan con entrar de novo nas próximas horas, non provoquen máis danos.
As brigadas centran a súa intervención na retirada de árbores que obstrúen o paso nos viais do municipio ou no corte daqueles que ameazan co seu esborralle sobre a vía pública, ademais de proceder á limpeza das ramas e restos de cortizas que supoñen un perigo para a seguridade viaria. Así mesmo, os operarios procederon a recoller sinais danados polo efecto do forte vento sufrido e a recolocalos naqueles casos nos que era posible.
Tamén se procedeu a colocar de novo colectores de recollida de lixos e demais elementos do mobiliario urbano que foran movidos polo vento. Estase realizando, por outra banda, unha revisión urxente de taxeas, cunetas, tragantes e aliviaderos de augas pluviais co fin de desatascar as follas, ramas e demais material arrastrado polo vento e a choiva dos últimos días.
Así mesmo, en previsión de que nas próximas horas cheguen novas borrascas con abundante choiva procedeuse, por parte dos operarios municipais, a revisar as inmediacións do río Verdugo co fin de preservar, no posible, os efectos do previsible aumento do seu caudal e a forza das augas que adoita arrastrar troncos, árbores e demais sedimentos fluviais.