Unha máscara xigante e un gran desfile para celebrar o final do Entroido en Campo Lameiro
Por Redacción
A celebración do Entroido está chegando o seu fin en Galicia e son moitos os concellos que xa ultiman os preparativos para o dicir 'ata o ano que vén' a esta festa.
Un deles é o Concello de Campo Lameiro, que afronta a recta final coa colocación dunha máscara xigante na fachada do Consistorio e os preparativos do gran desfile de disfraces que terá lugar o vindeiro sábado 4 de marzo, a partir das 17:00 horas.
Un equipo de voluntarios realizou este ano de recuperación da festa unha careta xigante confeccionada de xeito artesanal e que foi pendurada na fachada do Consistorio. Durante máis dun mes este grupo de persoas afeccionadas ao entroido foron creando da nada unha enorme máscara que simboliza o espírito do entroido de Campo Lameiro que recupera, despois do parón imposto pola pandemia, o seu lema: "Nin Tenerife, nin Río de Janeiro… O mellor entroido en Campo Lameiro".
Deste xeito, a partir das 17:00 horas do sábado, un gran desfile percorrerá as rúas da vila con comezo en Vegas de San Miguel e final na estrada de Codesada. O percorrido pasará pola rúa Bernardo Sagasta. Todos os participantes desfilarán e mostrarán as súas habilidades e divertirán ao público no pasarrúas. Ao remate, tras coñecer a decisión do xurado, terá lugar un baile na Praza do Concello amenizada por un DJ.
As comparsas convidadas para esta edición son Os Solfamidas (Campo Lameiro), Os Paparrulos, (Marín), As Sonecas (Campelo), Luces (Tomiño), Las Flores del Carnaval (Monte Porreiro), Revolución Show (Tomiño), Os 100tolos (Campelo), Os Miúdos (Arcade), Os da Caña (Marín) e Os Canecos (Poio).
Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 10:00 a 14:00 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto. Ademais, a organización tamén pon a disposición das persoas interesadas en participar no entroido o teléfono 986 75 20 34 para inscribirse e o email info@campolameiro.com. O día do desfile os participantes deberán recoller o seu dorsal en horario de 15:30 a 16:30 horas no Concello.
Os premios do desfile aos que poderán optar os participantes serán de entre 40 e 10 euros o infantil individual (5 premios), entre 100 e 30 euros os grupos intantiles (5 premios), entre 100 e 35 euros os adultos individuais (4 premios), entre 320 e 110 euros os grupos de adultos (4 premios) e entre 375 e 350 euros as comparsas (3 premios).
Ademais, as persoas que participen no desfile poderán optar aos premios especiais de animación (3 premios de 100 euros) e de xurado (1 premio de 200 euros).
Desde o Concello indican que en caso de que a organización considere que ningún dos participantes reúne os méritos suficientes, poderá deixar deserto calquera premio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do desfile, durante o baile na Praza do Concello.
Os disfraces que entren en concurso se valorarán pola súa orixinalidade, dificultade na elaboración o bo humor e a soltura desenvolvida polos participantes no desfile. Para máis información pódese consultar a páxina web do Concello de Campo Lameiro.