Conta atrás para destapar o río Gafos entre Xeneral Rubín e Rosalía de Castro
Por Alejandro Espiño
Con diversas catas técnicas que a empresa COVSA realizou na beira do Gafos que dá cara a Rúa da Tablada arrancou a conta atrás para o agardado proxecto para destapar o río ao seu paso por Campolongo. O inicio, segundo as previsións municipais, será en cuestión de semanas.
Estes traballos previos serviron para detectar a profundidade á que deberá cimentar a estrutura da pasarela metálica voadiza que se creará para conectar ambas as dúas marxes do río nese punto, A Tablada con Rosalía de Castro, e que substituirá á actual ponte peonil.
Os técnicos determinaron que haberá que escavar tres metros e medio no punto previsto para poder cimentar a nova pasarela, o traballo máis complexo desta primeira fase, de xeito seguro.
A intervención para destapar o Gafos, que comezará polo tramo entre Xeneral Rubín e Rosalía de Castro, permitirá "osixenar todo este ámbito e recuperar a visión e o acceso ao río dos Gafos", destaca o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.
O proxecto actuará sobre o único treito do río que nestes momentos non ten paseo e que non resulta accesible, sendo ademais a zona máis degradada nestes momentos, ao estar encaixonada entre traseiras de edificios e non ofrecer acceso ao río en ningún punto.
Esta actuación, na que se investirá preto de medio millón de euros, ademais de derrubar a ponte de formigón e substituíla pola nova pasarela metálica voada, asegurará os noiros máis próximos ás vivendas con muros de contención e reverdecerá todo ese espazo ata o río.
Para iso, mesturaranse dous tipos de solucións, zonas de herba, pradeira e ribeira e zonas de bancais, que permitan xerar áreas de lecer e de estar e áreas de acceso e baixada para poder chegar ata o río e tocar a auga.
Os traballos traduciranse na creación dunhas ribeiras accesibles e duns paseos perpendiculares ao longo da canle, o que fará posible comunicar a zona de Campolongo coa que discorre ata as Corbaceiras, dando continuidade ao paseo do Gafos desde Tomeza ata a desembocadura.
Os paseos combinarán xabre estabilizado con zonas de lastro e herba e eliminaranse os colectores en superficie, que serán renovados por elementos soterrados que non interfiran visualmente dentro da paisaxe de ribeira.
Relacionadas:
-
Comezan a formigonar a nova pasarela de metal sobre o Gafos na rúa Tablada
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Peche da rúa Rosalía de Castro para instalar a pasarela metálica sobre o Gafos
Por Redacción |
-
Veciños da Rúa Tablada síntense "ninguneados" polo Concello e temen quedar sen gas
Por Alejandro Espiño |
-
'Pontevedra Flúe' aterra en Turín para propagar o seu modelo na Comisión Europea
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Así atravesará o Gafos pola Rúa Tablada, o "aperitivo" para un río "aberto e integrado" na cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |