
© Xunta de Galicia
O conselleiro de Sanidade analizou co alcalde da Illa de Arousa a cobertura de Atención Primaria no municipio

Por Redacción
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, mantivo este martes no Hospital do Salnés unha xuntanza técnica co rexedor do Concello de A Illa de Arousa, Carlos Iglesias Cores, acompañados polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias e pola directora do Distrito Sanitario de O Salnés, María Gómez-Reino. Na reunión analizaron a cobertura de Atención Primaria nesta localidade.
O conselleiro de Sanidade sinalou ao rexedor arousán que, tras efectuar xestións organizativas, "a Administración Sanitaria Pública galega foi quen de manter a totalidade de efectivos asistenciais para acadar a cobertura sanitaria de Atención Primaria do Concello da Illa de Arousa tanto na atención de Medicina de Familia coma en Pediatría".
O centro de saúde da Illa de Arousa presta cobertura a un total de 4.603 tarxetas sanitarias, das que 465 son de menores de 15 anos. A poboación deste Concello reduciuse gradualmente nun 5,5% nos últimos dez anos.
No transcurso desta xuntanza técnica lembraron ao alcalde a mellora e modernización das infraestruturas en Atención Primaria na Illa de Arousa, que "foron unha prioridade para a Xunta de Galicia en colaboración co Consistorio arousán" e que permitiron que a superficie do seu centro de saúde pasase dos 402 metros cadrados ata acadar os 532 metros cadrados, o que supuxo unha ampliación do 28%.