Marín eleva a temperatura do seu Entroido cun desfile espectacular e cheo de cor polas rúas da vila
Por Alejandro Espiño
Marín tiña ganas de Entroido. Tras o aperitivo que supuxo o desfile infantil do sábado, os marinenses dérono todo para que unha das súas principais citas festivas destes días, o gran desfile de disfraces e carrozas, brillase como nas grandes ocasións.
Centos de persoas non quixeron perderse o desfile, ben participando nel ou ben sendo testemuñas do seu paso polas principais rúas da vila.
Tras concentrarse previamente na Praza do Regueiro, os participantes do desfile iniciaron a marcha minutos despois das cinco da tarde. Pasaron pola Avenida de Ourense, a Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e Concepción Arenal, ata chegar ao Parque Eguren.
Por Marín desfilaron, entre outros, grupos e comparsas que converteron o Entroido nunha auténtica filosofía de vida, como Os da Caña, Os Paparrulos, Os Amoriños y Os Solfamidas, que animaron o desfile cos seus coloridos traxes, os seus bailes e música en directo.
A eles sumáronse, entre outros, aterradoras criaturas, parodias de diversas profesións, personaxes de cómic, monstros de series de televisión, disfraces creados con material reciclado ou vestimentas inspiradas na cultura chinesa. O enterro da Raíña Isabel II tamén foi protagonista.
En canto aos premios, Os Solfamidas, que xa foran os gañadores do desfile de Pontevedra, repetiron triunfo entre as comparsas que participaron en Marín e embolsáronse 1.200 euros. Tras eles quedaron Las Flores del Carnaval, Os Miudos e Tinta Femia.
En grupos, a Asociación Cor Café, que recibiu unha gran ovación ao paso da súa caravana de monstros, foi o favorito do xurado. De Festa con Glamour e Os Remolóns recibiron o segundo e terceiro premio.
Os Pana-Deiros impuxéronse a Lobo e Porco Bravo e Demogorgos na categoría de parellas e, entre os disfraces individuais, os tres premios foron para Godzilla pola Vila, Pericán en Busca de Xan e Marroquian.
Relacionadas:
-
Marín chora na despedida á súa sardiña, antesala á fin do Entroido
Por Redacción |
-
Dieta de Entroido en Marín: merengue o luns e sardiña o martes
Por Oskar Viéitez |
-
Os máis pequenos piden paso no arranque do Entroido de Marín
Por Redacción |
-
A sardiña, protagonista do cartel dun Entroido que xa quenta motores en Marín
Por Redacción |