Vilaboa prepárase para vivir catro días de Entroido
Por Redacción
Cobres prepárase para vivir a gran festa do Entroido. Unha gran carpa instalada en Riomaior será o epicentro dunha festa que se prolongará durante catro xornadas.
As madamas e galáns levarán as súas particulares ventimentas e percorrerán as rúas bailando o ensaiado durante todo o ano, nun percorrido que os manterá percorrendo a vila desde as 10 da mañá ata as 19 horas, que chegan de volta a Riomaior.
Os actos, organizados pola Asociación Cultural Cobres coa colaboración do Concello, arrancan este sábado cunha gran festa de apertura ás 22:00 horas na carpa a cargo de América de Vigo e DJ Charlie.
O domingo e o luns o inicio do baile adiántase ás 21.30 horas, o día 19 con La mosca valiente e o luns Tic Tac & La Noche.
O día grande do entroido será o martes cun percorrido polos barrios en horario matinal ata as 13:00 horas, momento no que comezará a sesión vermú amenizada pola charanga 'Os Jalácticos' e diferentes postos de asado de churrasco e unha pulpeira.
Pola tarde, ás 16.30 horas, celebrarán a tradicional Corrida do Galo, presentada polo humorista Rafa Durán. Tamén haberá xogos populares, concurso de disfraces, comparsas, entrega de premios, queimada e a festa concluirá cunha tirada de fogos de artificio e o remate a cargo de DJ Gabry.