O temporal obriga a cortar a ponte da Barca e deixa ventos de 162,7 quilómetros por hora en Cuntis
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O temporal de vento e chuvia que chegou a Galicia a última hora deste luns deixou xa os seus primeiros efectos en Pontevedra e as súas comarcas próximas, con cortes de luz en zonas do rural, árbores e ramas caídas en estradas secundarias e incidencias circulatorias en vías principais como a ponte da Barca entre Poio e a capital, que permanece cortada ao tráfico en ambos sentidos durante catro horas, dende pasadas as 6.00 horas da mañá ata pasadas as 10.30 horas. Non se rexistraron, ata o momento, danos persoais.
O momento máis complicado da noite produciuse entre as 2.00 e as 4.00 horas, pero a alerta manterase todo o día e o 25 de Nadal, de modo que se recomenda extremar as precaucións en todos os desprazamentos, tanto por estrada coma polas cidades, xa que hai risco de desprendementos de obxectos, valos ou árbores. Ata as 14.00 horas os Bombeiros realizaron entre 15 e 20 intervencións e a Policía Local un número similar.
En Pontevedra os Bombeiros e a Policía Local rexistraron a primeira incidencia significativa ás 2.00 horas. Os veciños requiriron a súa presenza na rúa Augusto García Sánchez porque varias chapas dun edificio se desprenderon e caeron á vía. Para poder asegurar a zona, os bombeiros tuieron que establecer un sistema polo que se descolgaron dende o tellado, descenderon polo costado do edificio e retiraron as pezas que quedaban soltas.
Ás 3.00 horas a alerta chegou dende Marcón, con varios condutores que pediron a presenza dos Bombeiros e a Garda Civil de Tráfico porque unha árbore de grandes dimensións caera e mantiñan a vía cortada na Hermida, no acceso a Ponte Caldelas. Nese momento sopraba moi forte o vento e unha árbore caeu enriba do propio coche de Bombeiros, en concreto, dun todoterreo, que quedou inservible. A zona estaba escura polo corte na iluminación pública (en Marcón a subministración eléctrica estivo cortada toda a noite) e os bombeiros non podían intervir, de modo que o vial quedou cortado á espera de que fose posible intervir coa chegada do día.
Os Bombeiros acudiron a Marcón por unha árbore na calzada e outra caeu enriba do seu vehículo oficial, deixándoo inservible
A partir de aí as incidencias sucedéronse. A Policía Local presenciou como se desprendía parte do tellado do Pazo da Cultura e alertou os Bombeiros, que tiveron que retirar varias pranchas para previr riscos de desprendementos, ademais de cortar Alexandre Bóveda ao tráfico. Na zona das Corbaceiras desprendeuse parte do valado perimetral, na zona da avenida de Vigo desprendéronse uralitas dun edificio, na avenida de Marín e árbore caeu na calzada e en estradas secundarias como Marcón hai varias árbores obstaculizando a circulacion.
Así mesmo, na Praza de España o valado que pecha a obra de axardinamento diante da Subdelegación do Goberno fixo efecto vela e caeu e gran parte como consecuencia do forte vento. Como precaución, varios camións acudiron á praza para rodear e protexer a carpa de 'PonteXogos'. Esta instalación permeneceu pechada durante toda a xornada como precaución.
Dende pasadas as 6.00 horas da mañá a atención centrouse na ponte da Barca pola caída de varias pranchas da cuberta da zona peonil. O perigo para os vehículos obrigou a cortar a circulación pola ponte en ambos os dous sentidos mentres os bombeiros retiraron e aseguraron o resto dos paneis para evitar desprendementos. Pasadas as 10.30 horas determinouse a súa apertura.
Durante o resto da mañá sucedéronse as intervencións, pero con menor gravidade, debido a que o vento remitiu e a chuvia pasou de persistente a intermitente. Unha das actuacións principais rexistrouse no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, onde empezaron a caer chapas do recubrimento da fachada e os bombeiros retiraron entre 25 e 30 metros cadrados destas como medida preventiva. Ademais, retiráronse sinais e árbores caídas e colectores e valos envorcados.
A cicloxénese explosiva deixou rexistros mesmo superiores aos previstos en zonas como a comarca de Umia. Na estación de Meteogalicia en Xesteiras (Cuntis) alcanzáronse durante a noite refachos de vento de ata 162,7 quilómetros por hora, segundo as cifras actualizas as 7.10 horas deste martes.
Na estación da Lanzada (O Grove) rexistrouse un refacho máximo de vento de 109,1 quilómetros por hora e en Lourizán (Pontevedra) o rexistro máximo foi de 65,5 quilómetros por hora entre a media noite e primeira hora da mañá.
Meteogalicia tamén achega datos que acreditan a intensidade coa que caen as chuvias dende útima hora da noite en todos os municipios de Pontevedra e a súa área de influencia. En sete horas, entre as 00.00 e as 7.10 horas deste martes, recolléronse en Cuntis 89,9 litros de auga por metro cadrado.
O acumulado para o resto de estacións é inferior, pero igualmente elevado para tan só sete horas. En Rebordelo (Cotobade) recolléronse 37,7 litros; en Lourizán foron 33,8; en Monte Castrove (Poio), 36,6; en Caldas, 29,5; e na Lanzada a estatística situouse en 31,2.
Os servizos de emerxencia activaron a alerta máxima. Trátase dun fenómeno meteorolóxico adverso que deixará abundantes precipitacións e fortes refachos de vento, especialmente durante os próximos días 24 e 25 de decembro, Noiteboa e Nadal.
Relacionadas:
-
O temporal de Noiteboa provocou danos no Pazo da Cultura por 210.000 euros
Por Natalia Puga |
-
Ventos de 118 quilómetros hora, pero sen danos de alcance, para recibir o ano
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspenden as actividades no Pazo da Cultura mentres se recupera dos danos do temporal Dirk
Por Redacción |
-
Remite o temporal tras deixar numerosas incidencias en Pontevedra
Por Redacción |
-
Apagamento en 42.693 fogares pontevedreses
Por Natalia Puga |
-
O 'Dirk' deixa 86 incidencias na zona de Pontevedra en oito horas
Por Redacción |
-
Alerta máxima por fortes ventos e abundantes chuvias en Noiteboa e Nadal
Por Redacción |