O BNG chama a mobilizarse este 12 de febreiro en Santiago para defender a sanidade pública
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A voceira de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado chamou á cidadanía da Área sanitaria de Pontevedra – O Salnés a participar na manifestación convocada para este domingo 12 de febreiro en Santiago de Compostela pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede comarcal do Bloque en Pontevedra, Montse Prado expuso o "proceso de precarización prolongada da sanidade pública galega" que definiu coma unha "voadura controlada" e, en concreto, referiuse ao "deterioro" da Atención Primaria, con "ata 2.339 millóns de euros que se deixaron de investir nesta área desde 2009".
Por iso cre necesario sair ás rúas de Compostela para esixir unha "rectificación" e medidas para "salvar" a Atención Primaria.
A portavoz nacionalista de Sanidade esixiu "ao Goberno do Partido Popular" a mellora da calidade da sanidade pública fronte a precarización laboral, os PACs sen persoal facultativo, urxencias saturas, centros sen atención pediátrica, xa que esta situación, segundo sinalou, conleva un importante "prezo" como o aumento das complicacións nos procesos de crónicos, a demora na detección de moitas enfermidades, diagnoses tardías con "consecuencias letais" e unha falta de seguimento para as crianzas.
Para o BNG esta situación está conseguindo "que baixe a confianza na sanidade pública e que aumente a preferencia pola sanidade privada", unha "estratexia" da que responsabiliza ao PP, coa que pretende "unha derivación cara a privada".
Por último, Montse Prado referiuse ao Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo), dependente do Goberno central, que sinala no seu último informe que Galicia rexistrou o ano pasado un exceso de mortalidade que se saldou con 3.350 falecidos, cando no ano 2020 en plena pandemia do coronavirus o exceso de persoas falecidas foi de 1.400.
"Evidentemente ten que dar explicacións o Partido Popular de por que cre que se está a producir iso", dixo a portavoz do Bloque que preguntou "se ten que ver con esa falta de resolución do sistema sanitario".
Relacionadas:
-
Miles de persoas de toda Galicia saen á rúa en defensa da Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez |
-
Comesaña acusa a BNG, PSOE e SOS Sanidade Pública de "estar empeñados en trasladar medo á poboación"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden que se investigue a "posible desatención médica" a un mozo falecido en Cerdedo
Por Oskar Viéitez |
-
Autobuses desde numerosos concellos para secundar a manifestación de SOS Sanidade Pública en Santiago
Por Redacción |
-
O conselleiro de Sanidade critica en Cambados o "inaudito" de que os partidos da oposición convoquen unha manifestación sanitaria
Por Redacción |
-
Autobuses gratis para todos os pontevedreses que queiran acudir á manifestación de SOS Sanidade Pública