O servizo de recollida de voluminosos de Poio realiza unha media de máis de 100 retiradas ao mes
Por Redacción
Durante o ano 2022 o servizo de recollida de voluminosos retirou unhas 65 toneladas de restos localizados en diferentes espazos públicos. Son actuacións levadas a cabo a maiores das saídas que se levan a cabo a petición da veciñanza.
A recollida de voluminosos pódese solicitar de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas chamando ao número de teléfono 986771185. Tamén se pode obter máis información sobre as súas vantaxes e beneficios na páxina web do Concello de Poio.
Dende o Goberno local solicitan á cidadanía que non dubide en poñerse en contacto co Concello ou coas autoridades locais no caso de que sexan testemuña da realización dun vertido incontrolado.
Colchóns, madeira, mobles en mal estado e chatarra son os restos más habituais que se atopan os operarios cando localizan un destes vertidos. En moitas ocasións tamén se localizan restos de poda. Con respecto ás solicitudes de retirada, acumulan un maior número de tonelaxe a roupa, electrodomésticos de gran tamaño, pilas e bombillas.
No último tramo de 2022, tal e como consta nos informes municipais, a recollida de voluminosos mantivo a actividade con respecto ao resto do ano, cunha media superior ás 100 peticións mensuais. O mes no que houbo unha maior actividade foi setembro, con 130 actuacións, seguido de marzo (127) e decembro (119).