Montecelo informa sobre o Día Mundial da Enfermidade de Ménière, a doenza que provoca crises intensas de vertixe
Por Redacción
A Asociación Española de enfermos de Ménière (ASMES), en colaboración co Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), instalaba este martes unha mesa informativa no Hospital Montecelo.
O xerente da área sanitaria, José Flores Arias, achegábase ata a mesa na que se ofrecía información a todas aquelas persoas interesadas no tema.
A enfermidade de Ménière é, segundo explican desde o CHUP, a segunda causa de vértido de orixe otolóxica. Presentábase en forma de crise intensa de vertixe, asociada a náuseas e vómitos, perda de audición progresiva e asubíos nos oídos.
Estas crises provocadas pola enfermidade convértense en frecuentes e incapacitantes, terminando por resultar unha causa frecuente de baixa laboral e mesmo de incapacidade.
Faise recomendable o seguimento de unidades especializadas en Otoneuroloxía, que xa existen na maioría de centros hospitalarios de Galicia. Segundo explican desde o CHUP, aínda é necesario avanzar na formación dos profesionais de medicina familiar para realizar un diagnóstico precoz e activar o seguimento desta enfermidade.
O tratamento actual baséase nunha dieta específica, medicación e, no caso de que se manteña unha mala resposta, tratamento cirúrxico. O 90% dos pacientes afectados responden a estas pautas médicas.
A causa da enfermidade descoñécese. Na última década rexistrouse un notable avance no estudo, tanto en relación ao compoñente xenético como inmunitario. Con estas investigacións espérase que, a medio prazo, se desenvolvan novos tratamentos que aliviarán as molestias ocasionadas por esta doenza.