Case dez mil euros en premios para recuperar o entroido en Vilagarcía tras os anos de pandemia
O Concello de Vilagarcía de Arousa quere incentivar a participación de carrozas e comparsas no entroido deste ano mediante o investimento de 9.800 euros en premios. Así o anunciaba a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que apostará por recuperar unha das grandes festas da localidade que se viu minguada polas diversas restricións dos últimos anos por mor da pandemia.
Para iso, a edil anunciou a creación de novos premios para a mellor carroza e a mellor animación durante o percorrido do desfile que se celebrará o 21 de febreiro, cun valor de 500 euros para cada un. Ademais, abre a porta ás comparsas para a súa participación.
En total, Cultura repartirá 6.800 euros entre os 21 premios previstos para o desfile. Os participantes poderán optar a eles anotándose en tres categorías: infantil, adultos e grupos. As modalidades das dúas primeiras serán individual e en parellas, e de ata 20 participantes ou máis de 20 na categoría grupal.
En canto aos premios, as contías oscilarán entre os 100 euros para as modalidades individuais ata os 1.300 para os grupos de máis de 20 compoñentes. Estas compensacións non só serán para os gañadores, senón que se concederán tamén galardóns aos segundos e terceiros clasificados de cada categoría.
O prazo de inscrición irá desde o 8 ata o 17 de febreiro. O trámite deberá realizarse nas dependencias da Concellería de Cultura situadas no Auditorio, de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 horas. Para iso, haberá que presentar un formulario que se poderá descargar a traves da páxina web municipal vilagarcia.gal, ou na sede electrónica (sede.vilagarcia.gal).
O segundo gran acto do entroido arousán será a celebración do Certame de Comparsas no Auditorio Municipal. Terá lugar o día 5 de marzo, e non terá carácter competitivo. No seu lugar, Cultura destinará 300 euros a cada comparsa que cumpra coas normas recollidas nas bases, limitando a participación a un máximo de 10 agrupacións e tendo preferencia as pertencentes á localidade de Vilagarcía.
O prazo de inscrición nesta ocasión será desde o 22 ata o 28 de febreiro, no mesmo lugar que no caso do desfile. O horario será tamén de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 horas, e o formulario facilitarase nas mesmas dependencias da Concellería no momento da inscrición.
Para máis información sobre as categorías, premios ou as normas para optar ás compensacións económicas, poderanse consultar as bases no taboleiro de anuncios da web municipal vilagarcía.gal ou a través da sede electrónica.