Máis de 12.000 euros van repartirse nos premios do Entroido 2023 en Sanxenxo
Por Redacción
Paz Lago, concelleira de Cultura de Sanxenxo, presentaba este venres na Praza de Méndez Núñez en Portonovo o programa de actividades do Entroido 2023 e o cartel da edición elaborado polo Centro de Arte municipal. Con ela interviña Noemí Pensado, secretaria da Asociación Rúa dos Viños de Portonovo, que lembrou que neste espazo recuperouse, anos atrás, esta celebración festiva.
A programación iniciarase o 19 de febreiro co desfile infantil de disfraces, a partir das 12.00 horas. Nesta edición repártense 16 premios e 2.060 euros nas categorías: individual, parella, grupo de ata dez compoñentes e grupo de máis de dez integrantes.
As inscricións para participar poden realizarse no Pazo de Emilia Pardo Bazán ou o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo, en horario de 10.30 a 11.30 horas.
Os Entroidiños tamén volven á programación durante os días 20, 21 e 22 con actividades no edificio de Usos Múltiples de Portonovo, o Pazo Emilia Pardo Bazán e o pavillón de Vilalonga.
O Luns Choqueiro chega da man da Asociación Abiñadoira e celebrarase ás 17.30 horas na Praza Pascual Veiga, mentres que o Entroido de Arra se desenvolverá o martes 21 con concursos, xogos, sorteos e música no campo das festas.
Xa na xornada do 22 celebrarase o Enterro da Sardiña, a partir das 20.00 horas. O percorrido será polas principais rúas de Portonovo con final no recinto portuorio. O 24 celebrarase o Enterro da Cabra en Vilalonga; e en Portonovo recupérase o espectáculo de Parodias, coa dirección da monologuista Cristina Maró. Repartiranse tres premios: de 200, 100 e 50 euros. As persoas interesadas en participar deberán chamar ao 986.727.936 antes do 22 de febreiro.
A Festa do Jato, organizada pola Asociación Rúa dos Viños de Portonovo e coa colaboración do Concello, chegará o sábado 25, coa creación de ambiente de tapeo e animación en toda a rúa. O coñecido humorista Isi será o invitado especial desta edición.
O final do Entroido está previsto para o domingo 26 co desfile de adultos, que se iniciará a partir das 16.30 horas. Repartiranse 10.250 euros en 18 premios establecidos en seis categorías. Aquelas persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través do teléfono 986.727.936 ou, durante o mesmo día, no Club de Xubilados de Sanxenxo.
A cita iniciarase coa carreira de 'Os jatos atrás do rato' ás 12.30 horas na rotonda da lonxa e finalizará no campo de San Roque. As persoas que participen recibirán unha medalla. Haberá asado para todas as persoas que se acheguen a esta festa que busca manter un espírito familiar.
Relacionadas:
-
Portonovo, de loito rigoroso para enterrar a súa sardiña
Por Redacción |
-
O desfile infantil pisa con forza en Sanxenxo para dar unha calorosa benvida ao Entroido
Por Redacción |
-
O desfile infantil do Entroido de Sanxenxo entregará máis de 2.000 euros en premios
Por Redacción |
-
Arra recupera o seu entroido con chocolate con churros, churrasco e concursos de disfraces
Por Redacción |
-
Regresa o Entroido á Lama cun desfile e premios aos mellores disfraces
Por Redacción |
-
A Festa do Jato de Portonovo quere presentarse no Culturgal
Por Redacción |
-
Unha animada festa de disfraces pon o broche de ouro ao Entroido de Sanxenxo
Por Redacción |