Barro e a APLU comprométense a prestar atención especial ás infraccións no Camiño de Santiago
Por Redacción
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) trasladoulle ao Concello de Barro a necesidade de prestar unha atención especial a este municipio desde o punto de vista da disciplina urbanística tendo en conta que polo seu territorio pasa o Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
No transcurso dunha reunión para analizar os resultados da colaboración que manteñen o organismo autonómico e mais o goberno local no eido do urbanismo, o director da APLU, Jacobo Hortas, e o rexedor, Xosé Manuel Fernández Abraldes, coincidiron na importancia de seguir apoiándose mutuamente e centrar as inspeccións naqueles puntos que poden resultar máis delicados, como é o caso do Camiño, que é desde hai anos, como subliñou o responsable autonómico, "unha das prioridades" de actuación para os técnicos da axencia.
A maiores, Hortas e Fernández Abraldes incidiron na necesidade de seguir colaborando para "velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico" e, de feito, aproveitaron o encontro para revisar os diferentes núcleos de poboación, espazos protexidos e infraestruturas de Barro, analizando as súas particularidades urbanísticas.
Pola súa parte, o rexedor municipal interesouse polas actuacións que leva a cabo a APLU co obxectivo de divulgar e mellorar o coñecemento sobre a ordenación do territorio, o urbanismo e a preservación da paisaxe como elemento e sinal de identidade.
Neste sentido, Jacobo Hortas subliñou que os técnicos da axencia están á disposición dos municipios galegos fin de tratar de resolver calquera dúbida ou necesidade que poida xurdir, así como para ofrecerlles formación especializada ao seu persoal.
O Concello de Barro adheriuse a APLU no ano 2013 e, posteriormente, no ano 2019, ampliou a delegación de competencias para seguir a garantir un uso sostible e ordenado do territorio e velar pola disciplina urbanística na localidade.