Os bombeiros revisan tres horas un edificio en busca dun lume que enchía de fume varias estanzas
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Efectivos do Corpo de Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra investiron máis de tres horas na noite deste venres en localizar e sufocar un pequeno incendio iniciado nun edificio da rúa Peregrina. A intervención prolongouse tanto pola dificultade de dar coa orixe das lapas, xa que o fume se detectou na terceira planta e procedían dun peiteado situado no baixo.
Segundo informaron os bombeiros, sobre as 21.30 horas recibiron unha alerta de que había fume no terceiro piso do edificio número 49 da rúa Peregrina, na esquina con Virxe do Camiño. Cando chegaron, dirixíronse rapidamente ao terceiro piso, pero alí só había fume, non lume.
Unha vez alí puideron comprobar que había fume nun baño do terceiro piso e noutras estanzas do primeiro e do segundo. En ningún deses puntos había tampouco lume, de modo que se dispuxeron a revisaron todo o edificio.
O inmoble en cuestión ten moitos locais comerciais e os bombeiros non sabían de onde procedía o lume, de modo que non podían acceder á forza a ningún deles e os propietarios non estaban neses momentos dentro. Terían forzado as portas se o incendio fose grave, pero neses momentos xa se descartara que alguén ou o propio edificio corresen perigo.
A intervención prolongouse porque houbo que esperar a que chegasen os donos de todos os negocios e abriran as portas. Finalmente, detectouse a orixe do lume no almacén dun peiteado do baixo.
Ao parecer, as lapas iniciáranse nunha papeleira do salón de peiteado e o incendio era de pequenas dimensións, pero estaba próximo ao conduto de ventilación do edificio e por aí propagouse o fume polos outros pisos.
Unha vez localizado o incendio, as tarefas de extinción foron rápidas, pero entre a busca por todo o edificio e o tempo de espera a que chegasen todos os propietarios motivou que os bombeiros non regresasen ao parque ata as 00.45, tres horas e 15 minutos despois de recibir a alerta.