Escolares de Vilaboa reciben sesións de educación viaria con especial atención ao uso de bicis e ciclomotores
Por Redacción
Javier Seoane é un policía local que leva menos dun ano ocupando este posto en Vilaboa e xa deseñou un Plan de Educación Viaria que se puxo en marcha no último trimestre de 2022 e que se intensifica nestes primeiros meses de 2023.
Este programa impártese en niveis educativos como Infantil, Primaria e ESO nos centros de educación de Vilaboa, entre os que tamén se inclúen os centros públicos rurais agrupados (CRA). Nestas xornadas ofrécense temas relacionados co tráfico adaptados á idade dos escolares.
Coa axuda de soportes audiovisuais, o policía local mostra os efectos que causan as drogas ou o alcol cando se conduce baixo os seus efectos con testemuños de vítimas de accidentes de tráfico, destinado a alumnado de cuarto da ESO.
Tamén se atende especialmente á condución de bicicletas e ciclomotores, para que o alumnado da ESO teñan coñecemento do uso destes vehículos e das causas que orixinan accidentes de circulación. A intención é formar en condutas de respecto para evitar incidencias nas vías.
César Poza, alcalde de Vilaboa, afirma que o grupo de goberno estuda a opción de instalar un parque permanente de educación viaria nas proximidades do colexio público de Riomaior.