Ángeles Vázquez anuncia novas axudas da Xunta para a adquisición de vivenda nos cascos históricos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, visitaba este martes, acompañada pola alcaldesa María Ramallo e outros integrantes do equipo de goberno, o centro histórico da vila no que no últimos tres anos se adquiriron cinco vivendas, tres deles en 2022, coas axudas que a Xunta de Galicia destina a este fin dentro das zonas antigas.
Estas axudas volverán saír antes de mediados do mes de marzo deste ano, segundo indicou Vázquez, explicando que a mocidade é a principal beneficiada por estas achegas xa que os menores de 35 anos que adquiran unha propiedade que cumpra cos requisitos establecidos pola administración autonómica terán a posibilidade de optar a unha cantidade de ata 12.800 euros, superior á que pode acceder o resto da poboación que é de 10.800 euros. Indicou, ademais, que aquelas persoas que xa adquirisen unha vivenda, xa sexa usada ou nova, nun centro histórico desde o 1 de xaneiro de 2023 tamén terán a oportunidade de optar a esta subvención.
Convidou a que as persoas interesadas se acheguen pola oficina do ARI (área de rehabilitación integral) de Marín para recibir información sobre esta axuda que tamén é compatible coas destinadas a rehabilitación de vivendas.
Miguel Otero, un veciño de Marín, é unha das persoas que lograba estas dúas axudas e conversaba coa conselleira durante a visita. O mozo indica que a tramitación comezou hai catro anos cando a súa nai informouno desta opción. "Despois de catro anos con moito movemento, motivado tamén pola pandemia" agora é propietario dun edificio na zona antiga de Marín que adquiriu facendo un investimento de 30.000 euros. Amósase moi satisfeito e sinala que grazas ás axudas "agora son propietario".
Ángeles Vázquez afirma que a intención é que "rexurdan" os centros históricos e explicou que as axudas permiten "prescindir de tres anos de hipoteca" ao mesmo tempo que se pon en valor estas zonas.
Pola súa banda, María Ramallo, recoñecía que se está facendo un "esforzo importante" nas zonas recoñecidas como ARI en Marín: o centro histórico e a Banda do río Lameira. Indicaba que se están acometendo melloras con urbanización e posta en marcha de servizos nas rúas para "tratar de investir a tendencia" e atraer a novos residentes a estes espazos.
Afirmou que desde o goberno local pedirán unha nova axuda para a redacción do Plan especial do centro histórico que permita resolver dificultades de promotores que queiran investir na zona. Tamén expuxo que a intención do Concello é incorporar Cantodarea, no límite con Estribela, para que se incorpore ao ARI.
Relacionadas:
-
Aprobadas novas axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas en Estribela e o centro histórico
Por Redacción |
-
Un foro profesional analiza a creación de nova vivenda en Marín
Por Redacción |
-
Ramallo agarda un incremento orzamentario ante o uso necesario de micropilotes na construción do Auditorio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O ARI de Marín desde 2012 acadou investimentos en axudas por valor de case 4 millóns de euros en rehabilitación urbanística
Por Redacción |