Abre o prazo para participar nos Campamentos Depoaventura A Lanzada 2023
Por Redacción
A Deputación abrirá este martes, 31 de xaneiro, o prazo para participar no programa DepoAventura A Lanzada, que se espallará entre o 25 de xuño e o 9 de setembro nas instalacións que a institución provincial ten no Grove.
Ata o 28 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas ofertadas para desfrutar do completo programa de lecer que a Deputación organiza cada verán, cun amplo abano de actividades encamiñadas ao enriquecemento persoal da rapazada.
Os campamentos desenvolveranse en once quendas entre o 25 de xuño e o 9 de setembro e están dirixidos a nenos empadroados na provincia e nados entre os anos 2010 e 2015.
O tiro de saída ao programa DepoAventura A Lanzada terá lugar o 25 de xuño, coa primeira quenda que se espallará ata o 1 de xullo. As restantes terán lugar entre o 2 e o 8 de xullo, o 9 e 15 de xullo, do 16 ao 22 de xullo, do 23 ao 29 de xullo, entre o 30 de xullo e o 5 de agosto, do 6 ao 12 de agosto, do 13 ao 19 de agosto, do 20 ao 26 de agosto, entre o 27 de agosto e o 2 de setembro e do 3 ao 9 de setembro. En cada unha das quendas participarán 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 se reservarán para menores en risco de exclusión social e as 1.330 restantes seguirán o procedemento xeral. Todas as prazas serán adxudicadas por sorteo.
Desde 2015 pasaron pola Lanzada un total de 12.529 nenos da provincia. No 2022 os participantes realizaron unha completa listaxe de actividades deportivas e de ocio na praia pero tamén iniciativas de coñecemento da contorna natural, excursións ao Monte da Siradella e á Illa de Ons, obradoiros de pulseiras, personalización de gorras, pintura, xogos e veladas nocturnas, unha recreación dunha feira romana (Arde Lanzadus), actividades circenses (malabares, clown, equilibrios), xincana de pistas, así como crearon a mascota do campamento e realizaron un obradoiro dedicado ás mulleres na ciencia.
Relacionadas:
-
'Depoaventura' aposta pola igualdade este 2023
Por Rosalía Rico Otero |
-
A Xunta oferta 2.424 prazas en campamentos e campos de voluntariado na provincia
Por |
-
A Deputación renova a cuberta do anfiteatro do centro vacacional da Lanzada
Por Redacción |
-
En marcha Musigal, Depo en Marcha e Depo Aventura na Lanzada para 2023
Por Redacción |
-
Os campamentos 'Depo Aventura A Lanzada' teñen nova mascota: Isidoro Gatuno
Por Redacción |
-
Xa están en marcha os campamentos da Lanzada que organiza a Deputación
Por Oskar Viéitez |