Unha hamburguesa feita en Bueu aspira a ser a mellor de España
Por Oskar Viéitez
"Alma afumada" é o nome da hamburguesa coa que o local A Esmorga, de Bueu, presentarse á terceira edición do Campionato de España de Hamburguesas "Best Burger Spain", que promoven dende Fenicia Marketing Gourmet, e que premia a mellor proposta de hamburguesa de España.
"Alma afumada" está elaborada con vaca galega de sete anos, panceta afumada, queixo cheddar galego, cebola crocante, maionesa carbón e demi glace.
A concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, mantivo esta semana un encontro con Tatiana e Iván Teixeira, xerentes do local A Esmorga, situado na contorna da Praza Massó, e salientou a importancia de apoiar estas iniciativas porque "segue afianzando a calidade da nosa hostalaría e dos nosos produtos, ao tempo que tamén impulsa o turismo e o coñecemento da vila de Bueu".
Iván Teixeira comentou que a súa hamburguesa "pretende evocar o ambiente que se creaba ao lado das lareiras e das cociñas das nosas avoas, cos busca de produtos galegos e cos que xerar esta sensación nas persoas que a degusten".
Tanto dende o local hostaleiro como dende a concellaría que dirixe Silvia Carballo convídase a toda a veciñanza da vila a probar esta hamburguesa e a votar no concurso que estará en marcha dende o 1 ao 28 de febreiro. Tal e como explican, o procedemento é moi sinxelo, pois ao degustar a hamburguesa, a persoa recibirá un código QR para votar con acceso a unha páxina web, co que tamén entrará no sorteo dun premio económico.