Marín márcase o obxectivo de reformar as rúas Concepción Arenal, Jaime Janer e Rúa da Ponte
Por Redacción
O Concello de Marín marcouse varios obxectivos a desenvolver nos próximos anos para lograr unha mellora urbana, de seguridade peonil e mobilidade sostible.
Segundo explicou a alcaldesa, María Ramallo, o goberno local está a traballar na elaboración de tres proxectos.
Un deles céntrase prolongar a mellora xa acometida na rúa Concepción Arenal, ampliándoa ao tramo que vai desde a rotonda das Anclas ata o cruzamento coa Rúa da Ponte. "A Xunta de Galicia, administración coa que contamos para cofinanciar as obras do primeiro tramo de Concepción Arenal, está a estudar estes proxectos de forma conxunta connosco", explicou Ramallo sinalando que esta mellora beneficiaría a unha segunda rúa, a propia Rúa da Ponte.
"Procuraremos que estes espazos sexan máis sinxelos de camiñar, que teñan tramos máis seguros, que as rúas sigan sendo unha canle de comunicación entre os distintos puntos da nosa vila, pero que tamén sexan agradables para o tránsito peonil", afirma a rexedora.
Por último o terceiro obxectivo é conseguir renovar a rúa Jaime Janer "onde sabemos que é urxente levar a cabo unha mellora das beirarrúas e dos servizos de saneamento e abastecemento", pensando ademais que se trata dunha vía que soporta un nivel de tráfico intenso convertendo en esencial abordar a seguridade viaria nos tramos da PO-545 e da PO-313.