A Oficina de Orientación Laboral de Poio asesorou a máis de 1.300 persoas durante o ano 2022
Por Redacción
A Oficina de Orientación Laboral do Concello de Poio viu incrementada a súa actividade en 2022 de maneira notable. Máis de 1.300 persoas foron asesoradas a través desta oficina, tal e como sinala o concelleiro responsable da área, Gregorio Agís.
Esta cantidade supón un importante aumento con respecto aos datos correspondentes ao exercicio anterior, cando se prestou servizo a aproximadamente 700 cidadáns.
"Consolídase a tendencia á alza dos últimos anos, que xa viñamos detectando mesmo desde antes da pandemia", apunta o edil do Goberno municipal, que incide en que, se ben a meirande parte das persoas que acoden ás instalacións, situadas no Centro de Formación da Reiboa (A Seca), "tamén existe unha importante demanda por parte de veciños e veciñas doutros concellos".
A busca activa de emprego é unha das cuestións protagonistas no asesoramento que se realiza a través da Oficina de Orientación Laboral, se ben desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo tamén se salienta o feito de que cada vez son máis as persoas interesadas en mellorar ou potenciar habilidades e recursos de cara ao emprendemento.
O horario de atención é de 9.00 a 13.30 horas. Tamén é posible contactar a través do 986770001 (extensión 1502) ou no mail orientacionlaboral@concellopoio.gal.