A Xunta debe 10.000 euros en conceptos de antigüidade aos profesores máis veteranos do ensino concertado, segundo UXT
Por Manu Otero
O sindicato UXT alza a voz sobre a situación laboral do profesorado do ensino concertado en Galicia. O secretario de Ensino Privado e responsable da negociación colectiva da formación, Jesús Gualix, estivo este xoves en Pontevedra para denunciar que a Xunta leva desde o ano 2010 sen abonar a PEA (paga extraordinaria por antigüidade), así como outros agravios comparativos cos traballadores do sector público ou cos da concertada doutras comunidades autónomas.
Explican desde UXT que en Galicia hai máis de 7.000 profesores en centros educativos concertados e os afectados por esta falta de pagamento ascenden a 300 traballadores cada ano desde o 2010. En total débeselles 35 millóns de euros, uns 10.000 euros por traballador, correspondentes ao complemento que recolle o convenio colectivo cando o empregado alcanza os 25 anos de antigüidade no seu posto de traballo.
Denuncian tamén que desde o executivo autonómico tampouco se abonan os sexenios aos traballadores deste ámbito, co que a brecha salarial cos seus compañeiros de profesión da pública e doutras comunidades autónomas crece ao longo das súas carreiras profesionais ata os 600 euros mensuais.
Pero o descontento do persoal docente da concertada coa Xunta non se debe unicamente a estes dous conceptos. Alega Gualix denuncia que "é terrible que unha Administración non pague unha parte do salario aos seus traballadores". E engade que en Galicia nunca existiu negociación colectiva, unhas circunstancias que provocan tamén que non haxa recolocación dos postos de traballo se un colexio pecha ou perde unidades ou que tampouco se contemple a xubilación parcial de traballadores.
Con todo, as demandas do sindicato non se dirixen unicamente á Xunta. Tamén esixen ao Ministerio de Educación a renegociación do Real Decreto que regula o ensino concertado, que data do ano 1985 e "aínda que foi un bo decreto, de consenso, está obsoleto", defende Gualix. Neste sentido, tamén piden a negociación da disposición adicional oitava do convenio colectivo, que tamén é de ámbito estatal, para incluír as reivindicacións do sector.
Representantes do sindicato foron recibidos recentemente polo secretario de Estado de Educación, quen descartou polo momento a renegociación do Real Decreto, pero abriu a porta á constitución dunha mesa de traballo para falar de modificacións no convenio colectivo.
Na presentación participou tamén o responsable do Ensino Privado en Galicia de UXT, Jose Antonio Míguez Vila e outros representantes do departamento de educación do sindicato.
"A educación concertada en Galicia é desastrosa, non hai relación coa administración e coas patronais hai que pelexar bastante", lamentou Míguez, recalcando que Galicia foi a primeira rexión de España en negarse a pagar este complemento salarial por antigüidade.
Relacionadas:
-
Alertan da falta de seguridade no Centro Avelino Montero polos problemas laborais da empresa de vixilancia
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A nova Formación Profesional centra o debate nas Xornadas que comezan este venres na Xunqueira
Por Redacción |
-
Concentración na Peregrina pola defensa do ensino público
Por Sara López Lago |