O PSOE de Sanxenxo mostra a súa desconformidade co resultado da reforma do pavillón do colexio de Nantes
Por Redacción
O grupo socialista de Sanxenxo responsabiliza ao goberno local e á súa mala planificación, das deficiencias do proxecto do pavillón do colexio de Nantes. "É incrible como a pésima planificación do PP afecta unha vez máis á veciñanza, neste caso aos nenos e nenas de Nantes", protestan.
A portavoz socialista, Ainhoa Fervenza, afirma que "nunca te podes esperar algo bo do goberno de Telmo Martín, que vai facendo sempre todo sobre a marcha e nunca se para a planificar e pensar o que implica cada proxecto". Neste caso, a portavoz fala do pavillón e os múltiples fallos que encontrou nel, "apenas entrando ao pavillón xa podes ver o reducido que é e o pouco espazo que quedou arredor das liñas que delimitan a cancha".
Fervenza continúa dicindo que "non pode ser que xa cando o pavillón non estaba cuberto, non pensaran en facer os vestiarios cara afora, para non collerlle espazo ao campo, non é comprensible que non deixaran nin un pouco de espazo para facer unhas gradas. É incrible que con todo o espazo que contaban para o proxecto, o reduciran a isto e deixaran os nenos e nenas cunha cancha na que como caias un pouco fóra de ela, podes darte cunha columna ou coa parede".
A socialista tamén se refire a que faltan saídas de emerxencia. "Outro perigo é que cando alguén pide usar o pavillón, non conta con acceso á saída de emerxencia, co cal, en calquera accidente, non poderían entrar os servizos de emerxencia", denuncia.
Finalmente, a socialista sinala que "non me sorprende este modo de facer as cousas porque é ao que nos teñen acostumados, á nula planificación e ao ir facendo. O alcalde segue demostrando a súa mala xestión e a súa distancia coa realidade dos veciños e veciñas de Sanxenxo".