A negativa familiar, a "batalla de todos os días" na doazón de órganos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Oito pontevedreses -catro mulleres e catro homes- convertéronse en 2022 en doantes reais de órganos e tecidos. Con iso, facilitaron case unha trintena de transplantes. Pero esta cifra sería maior se non fose pola oposición dos familiares de pacientes falecidos.
"É algo que nos segue chamando a atención", recoñeceu o doutor José Luís Martínez Melgar, responsable da Oficina de Coordinación de Transplantes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. "É a nosa batalla de todos os días", explicou.
Así, durante o pasado ano, as familias de catro pacientes, todos eles falecidos por morte encefálica, negáronse a que se extraesen os seus órganos e tecidos. É dicir, un de cada catro potenciais doantes que rexistrou a área sanitaria, un total de quince.
Martínez Melgar sostivo que esta porcentaxe de rexeitamento, un 26% do total, é "moi superior" á que rexistra a media nacional (16%) ou mesmo a galega (18%).
Desas quince persoas susceptibles de poder destinar os seus órganos a outros pacientes, dúas foron rexeitadas por contraindicacións médicas e unha terceira por presentar unha anomalía vascular que facía inviable calquera transplante.
"Mellorar estas cifras é posible", defendeu o coordinador da oficina de transplantes, que detallou que os oito doantes reais contribuíron con dezaseis riles, doce córneas -dúas familias só se negaron a doar este tecido-, dous fígados e un tecido osteotendinoso.
De todos eles, o único que non se puido aproveitar foi un dos fígados, xa que non se atopou un receptor compatible en toda España. Os riles, pola súa banda, acabaron maioritariamente en receptores da área sanitaria pontevedresa.
Outro dos hándicaps da área sanitaria, segundo o doutor José Luís Martínez Melgar, é que a maior parte dos doantes son pacientes "añosos", o que dificulta a viabilidade dos órganos susceptibles de doazón. En 2022, ningún corazón nin pulmón, por exemplo.
E é que, segundo os datos da Oficina de Coordinación de Transplantes, só dous dos oito doantes reais tiña menos de 65 anos, mentres que tres eran persoas de idades comprendidas entre os 65 e os 74 anos e os outros tres, maiores de 75 anos.
Isto provocou que a media de idade dos doantes en Pontevedra, no ano 2022, situouse ao redor dos "75 ou 76 anos", mentres que a nivel nacional foi dez anos menor, "entre os 63 e os 64 anos", segundo Martínez Melgar.
A pesar de todo iso, desde a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés destacan o notable aumento da doazón de órganos e tecidos, en números absolutos, xa que fronte aos cinco doantes de 2021 pasouse a oito en 2022.
Á fronte da Oficina de Coordinación de Transplantes está un equipo multidisciplinar composto por tres facultativos e dous membros do persoal de Enfermería, pero no seu traballo diario colaboran preto dunha vintena de profesionais.
En cada unha das súas intervencións participa persoal auxiliar, celadores e efectivos das áreas de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas ou Microbioloxía, así como médicos e enfermeiras da UCI.
Relacionadas:
-
Celébrase o Día Nacional do Transplante con cifras que "están por enriba do ano pasado"
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A Xunta destina 200.000 euros ao Concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna
Por Redacción |
-
Inauguran no Provincial unha exposición de carteis sobre a doazón de órganos realizados por escolares
Por Redacción |
-
2021 pechouse coa doazón de once órganos e nove tecidos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Máis de 13.000 galegos están rexistrados como doantes de medula ósea
Por Oskar Viéitez |