O sábado 4 de febreiro celébrase a III Gala de Meisinas e Meisinos
Por Redacción
As asociacións, entidades e persoas particulares que tiveron máis relevancia no Concello de Meis durante o último ano serán premiadas na terceira edición da Gala de Meisinas e Meisinos do Ano.
O evento está previsto para o sábado 4 de febreiro ás 20.00 horas no Auditorio Municipal do Mosteiro. Como sucedeu en anteriores edicións, o xornalista Terio Carrera, da Televisión de Galicia, será o encargado de presentar esta cita.
Actuarán a Banda da Vertula, o Dúo As Lembranzas, Raúl & Cía, e a animación coa presenza de zancudos de Chagsé Centro Artístico.
Na edición celebrada en marzo de 2022 resultaron galardoados Antonio Cores, propietario do terreo onde se atopa o petróglifo de Outeiro do Cribo; Dolores Calvo, presidenta de Condes de Albarei durante oito anos; Marisol Bueno, cofundadora da Adega Pazo de Señoráns; a futbolista Eva López; traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar; e os escritores JJM Veiga; Alberto Louzán e Seyla María Domínguez, que presentaron os seus traballos en Meis.