Vilaboa alega ao anteproxecto de Lei do Litoral para que se inclúa a realidade dos seus núcleos costeiros
Por Redacción
O anteproxecto de Lei de Ordenación do Litoral de Galicia que ten en tramitación a Xunta de Galicia non convence ao goberno local de Vilaboa, que acaba de presentar unha alegación ao documento.
O Concello de Vilaboa demanda na súa alegación unha solución á problemática dos núcleos costeiros, xa que aseguran que "o texto actual deixa de novo no aire unha realidade urbanística que afecta de cheo ao término municipal de Vilaboa".
O alcalde de Vilaboa, César Poza, urxe que se contemple esta realidade local "evitando así unha dependencia permanente" das administracións con competencias no litoral para solventar cuestións globais que "limitan e condicionan o desenvolvemento" do municipio.
Para o alcalde, o texto proposto non dá solución nin recolle a problemática existente nos núcleos rurais tradicionais costeiros, tipoloxía propia da ocupación do territorio nesta área concreta da península e que se atopan espallados por toda a faixa litoral da comunidade autónoma.
Así, mantén que estes núcleos, a pesares de ter acreditado unha considerable antigüidade e características a conservar e potenciar pola lexislación urbanística, "non poden considerarse aos efectos da situación excepcional que outorga a disposición transitoria terceira da lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas, ao non clasificarse expresamente como solo urbano".
O alcalde tamén lembra que os mecanismos que posteriormente se estableceron desde o Estado para a súa regularización, "deviron en inútiles para o recoñecemento da meirande parte destes núcleos".
Indica tamén que a pesares do principio da ordenación litoral recollido no artigo 6 do texto, sobre a coordinación entre as diferentes administracións públicas de Galicia, "non se establecen mecanismos de colaboración efectiva entre a administración autonómica e os municipios, que son actores fundamentais no proceso edificatorio e urbanístico tendo en conta o grao de competencias atribuídas aos concellos pola lexislación vixente".